De porcentaxes de voto e de carteis

César Casal González
César Casal DIARIO DE CAMPAÑA

ELECCIÓNS GALEGAS 18F

Cartel de Ana Pontón para las elecciones del 18F
Cartel de Ana Pontón para as eleccións do 18F Xoán A. Soler

03 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa temos carteis. Xa temos caravanas en ruta. A campaña despegou cara ao 18F. Xa temos o termómetro das enquisas. O PP darao hoxe toda na praza de touros de Pontevedra. Se quere alugar un autobús, non poderá. Ou lle sairá carísimo. Douscentos contratounos o PP para que o rodo de Pontevedra sexa para Rueda unha foto de poderío. Ana Pontón, con todo, tocou onte a fibra familiar cos seus pais na casa que a viu nena.

As porcentaxes de votos. Non fai falta ser Tezanos para entender os resultados dunha enquisa. O tracking diario que realiza Sondaxe para La Voz vai deixando frases para quen queira entendelas. O cinco por cento do voto nunha provincia é o mínimo esixido para lograr un escano. Por baixo desa cifra só hai un frío ártico, como o da excelente quinta tempada de True detective. Esa porcentaxe sobe un pouco e pódese aproximar ao seis por cento nas provincias de Lugo e Ourense, polo seu carácter de territorios alzaprimados pola lei na repartición de escanos. Elixir a segundo que partido pode ser un acto de vontade que non conduce a nada, un brinde ao sol.

A repartición de escanos. Así é que Sondaxe cuantifica porcentaxes de voto para Vox moi baixos nas catro provincias. O seu mellor resultado obteríao na provincia da Coruña, cun 2,8. En Lugo, Vox baixaría ao 2,4. En Ourense, ao 2,2. En Pontevedra, ao 2,1. Son papeletas que non tocarán escano. Os expertos din que o voto útil da dereita nestas eleccións galegas é o do PP. Eses votos a Vox que non obterán representación favorecían por exemplo ao Bloque na Coruña, onde o último escano estaría en disputa agora mesmo entre o PP e o Bloque. Outro tanto do mesmo pásalle pola zurda a Podemos , que só aparece nos restos. Ou a Sumar, nas provincias de Lugo e Ourense, onde non cheirarían deputado. Compasar o voto ao obxectivo que se teña para a Xunta parece razoable.

Do cartel rexuvenecido de Fraga ao de Ana Pontón. Pero non todo van ser números. Onte as redes sociais acenderon o primeiro chismorreo da campaña. O cartel de Ana Pontón sorprendeu, resplandecientes de brancos. O Bloque non entende as críticas a un traballo habitual de estudo. A foto chamou a atención do público. Lembra, coas debidas distancias, a aquela rexuvenecida de máis de Fraga no 2005. Os máis negativos coa imaxe de Pontón preguntábanse «onde é a voda?».