O Burgo, o barrio auténtico de Pontevedra onde ata os xaponeses se senten de pobo

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

ELECCIÓNS 28M

Cosmopolita a conta de peregrinos e inmigrantes e cada vez máis preto da urbe, o vello encanto de aldea resiste nesta zona

13 may 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Aí onde a ponte deixa de ser tal e comeza o barrio do Burgo, nunha parede desconchada dunha casa en ruínas, POAL, un dos nove partidos que se presentan ás eleccións de Pontevedra, colgou un cartel que di: «Sevilla ten Triana e Pontevedra ten O Burgo». «Como nos van comparar con Sevilla? Iso non pode estar ben», opina Vicente, xubilado e veciño da zona desde hai só uns anos; os suficientes para sentir que «isto é como un pobo, coñecémonos case todos». Non lle atopa el sentido ao de compararse con Triana ata que se lle di que talvez sexa porque o barrio sevillano é un dos máis auténticos da capital andaluza. «Ah, entón se que somos Triana», conclúe. Vicente resolve o asunto porque veñen unhas veciñas e enseguida arrinca a cháchara con elas. Pero, antes de escabullirse, fai unha suxestiva invitación: «Mira todo ben, xa verás como a xente de aquí é marabillosa e agora que nos van arranxar o parque... Prefiro isto ao centro».

O reloxo pasa das dez e media da mañá cando ao Burgo comezan a chegar peregrinos en multitude. Na avenida da Coruña, a todos lles custa virar á esquerda para enfilar A Santiña. E iso que a frecha amarela está á vista. Pero quen necesita indicadores tendo a Francisco? El, pescadero do mercado de Pontevedra xa xubilado, redirixe aos camiñantes descoidados. En cinco minutos, cámbialle o rumbo a tres norteamericanas e a catro alemás. Inténtao tamén cunha xaponesa, que en inglés lle di que xa sabe que debe torcer, pero que quere tomarse un café e por iso desvíase. «Se vés sen almorzar é outra cousa...», dille Francisco, demostrando que no Burgo uno pode chegar desde a outra punta do planeta que se sentirá en casa. Francisco responde un «fatal» cando se lle pregunta polo barrio. Pero tarda pouco en matizar as súas palabras: «O de peonalizar a ponte estivo ben. A varanda non me gusta, pero é o de menos. Igual un pouco máis de limpeza viña ben». Logo, apostila que «o mellor é que é unha zona tranquila. Aquí viven moitos inmigrantes e xamais houbo ningún problema». El, a pé lixeiro, márchase cara a Pontevedra, «ao pobo», como lle seguen chamando á cidade da que só lles separa o Lérez. Porque eles, os do Burgo toda a vida, séntense de aldea. E con orgullo.

Cóntao así Ubaldo, que rexenta a panadería A Santiña, onde desde fai cen anos funciona un forno de leña que para si quixesen os panadeiros que están a pagar miles de euros de luz. «Cando miña nai estaba aquí, o carteiro viña, preguntaba por fulaniño ou menganiño e ela dicíalle vive en tal rúa no segundo b. Agora xa somos moitos, pero de vista aínda nos coñecemos e nos saudamos», sinala. Ubaldo anda ben encabuxado con Lores, aínda que recoñece que «é moi amigo». «Esta rúa tiña que estar amañada hai anos», di sinalando á Santiña, o tramo do Camiño de Santiago onde se prevén investir agora 1,8 millóns. 

A tiro de pedra de Pasarón, está a librería Sant Yago. Quique, de 42 anos, que aínda conserva o acento de ter vivido en París, di que o mellor do Burgo é a súa xente, «porque case todos nos coñecemos» e tamén tira a dar pola falta de limpeza ou as obras pendentes. Uns metros máis adiante, no bar onde Mercedes cociña unhas tortillas ás que teñen fe infinita os obreiros que poboan o local á hora do menú do día, hai debate:«A min gústame o barrio e penso que está coidado, o da ponte non estivo nada mal», opina la hostaleira. Un cliente, xubilado da imprenta da Deputación, nega a maior. Este home, Tomei, sinala á foto dos candidatos que asoma no xornal e di: «O Pontes, o do PSOE, vive aquí, é do barrio». «De verdade?», pregunta Mercedes desde a barra. «Claro muller, como non lle vas coñecer se isto é unha aldea?», remacha o outro.