A oferta de emprego da USC inclúe 161 prazas de profesores para renovar o seu cadro docente

La Voz SANTIAGO

EDUCACIÓN

Santi Alvite

Creará 192 de profesorado asociado con carácter indefinido

24 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Consello de Goberno da USC deu este venres luz verde á oferta de emprego público para o 2024, que contempla 161 prazas de profesorado con vinculación permanente. Deste total, 119 corresponden á quenda de quenda libre, con 70 de profesorado permanente laboral, 48 de profesorado titular e unha praza de catedrático. Ademais, a Universidade reserva 19 prazas para a incorporación de persoal investigador doutor co certificado I3 ou R3. A maiores, a oferta de emprego da USC contempla 42 prazas de catedrático para a quenda de promoción interna.

A Universidade subliña que a proposta aprobada polo órgano colexiado supón un paso máis na renovación do cadro docente por medio da contratación de profesorado axudante doutor en áreas onde a idade media é especialmente elevada e que teñen, ademais, unha previsión de déficit estrutural a cinco anos vista. «O obxectivo é garantir unha dotación estrutural suficiente de diferentes áreas de coñecemento, de xeito que estas poidan desempeñar axeitadamente as súas funcións, tanto no ámbito da docencia como no da investigación», sinalan desde a institución académica.

Outro aspecto no que incide a planificación da USC para este exercicio é o avance na redución da contratación temporal e na oferta das posibilidades de estabilización e de promoción ao profesorado acreditado. Neste sentido, o plan establece a creación de 53 prazas de profesorado axudante doutor, cifra que a Universidade apostila que poderá incrementar «en función de la evolución real das baixas na dotación do cadro de personal estable». O documento prevé tamén crear 192 prazas de profesorado asociado con carácter indefinido, de acordo co que estipula a Lei Orgánica do Sistema Universitario. Ademais, o plan da USC para este ano recolle 10 novas prazas de profesorado asociado en Ciencias dá Saúde e cinco de profesorado con vinculación asistencial.

Outro asunto validado polo Consello de Goberno foi o calendario académico para o curso que vén, 2024-2025. Quedará organizado en dous períodos e abarcará desde o 1 de setembro próximo ata o 31 de agosto do 2025. O primeiro semestre estenderase desde o 9 de setembro ata o 20 de decembro; e o segundo, do 28 de xaneiro ao 16 de maio do 2025.

Cátedra dedicada a Castelao

Ademais, a USC acordou incorporar á súa rede de cátedras institucionais unha dedicada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que estará centrada na figura, obra e pensamento do insigne representante do galeguismo.