
No último ano subiron un 19,2 e un 18%, respectivamente
15 ago 2025 . Actualizado á 19:20 h.Se hai tres anos eran os combustibles e a factura da luz o que pesaba no peto dos consumidores, agora é o billete do supermercado o que non lles deixa durmir. Sobre todo polo custoso que resulta conseguir alimentos con alto contido proteico. Os ovos e a carne de vacún, tan comúns na cesta da compra dos galegos, son os produtos que máis se encareceron no último ano. Os seus prezos eleváronse un 19,2 e un 18%, respectivamente, segundo as últimas estatísticas actualizadas polo IGE. Tamén a carne de cordeiro disparouse un 19%. Que hai detrás desta escalada?
No caso dos ovos, o motivo é o grande aumento da demanda e a reducida oferta no mercado para atendela. Os consumidores buscan substituír a proteína da carne por outra máis barata, como a do ovo. Ademais, a produción en EE.UU. caeu un 15% a causa da gripe aviaria, o que propiciou un cambio no fluxo comercial global deste produto. Tamén pesou a lei de benestar animal, que obrigou ás explotacións para reducir o número de galiñas en por habitáculo. Como consecuencia diso, os galegos, que pagaban hai un ano 3,7 euros por unha ducia de ovos, agora teñen que desembolsar algo máis de 4,4 euros.
Máximos históricos
Pola súa banda, os prezos da carne de vaca e cordeiro nos mercados internacionais están en máximos históricos pola elevada demanda nos países do Magreb e Oriente Medio. Un fenómeno ao que se suma a escaseza de reses tanto en España como noutros países europeos —Países Baixos, por exemplo—, onde cada vez se pechan máis explotacións e moitos cortellos vense afectados por enfermidades como a lingua azul ou a EHE, que provoca infertilidade e problemas reprodutivos.
Outra fonte de proteína cuxa cotización segue subindo é o peixe. O pasado mes de xullo vendeuse nos supermercados e peixarías de Galicia un 6,2% máis caro que hai un ano. E iso, a pesar da caída progresiva do seu consumo, o que motivou o lanzamento dunha campaña autonómica (Bono Peixe) para subvencionar a súa compra.