A Xunta aposta por proxectos de investigación para adaptar as ITV ao avance da automoción

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

Miguel souto

Considera imprescindible que a inspección técnica adapte os seus métodos aos novos retos para manter o seu papel esencial na mellora da seguridade viaria

10 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A asemblea xeral do Comité Internacional de Inspección Técnica de Vehículos (Cita, polas súas siglas en francés) deuse onte cita na estación ITV de SyC Applus (concesionaria do servizo de inspección de vehículos en Galicia) da Coruña. No encontro participou o secretario xeral de industria da Xunta de Galicia, Nicolás Vázquez, que destacou que o sector da automoción e o transporte sempre foi estratéxico para Galicia. Así, considera imprescindible que a inspección técnica adapte os seus métodos aos novos retos, para manter o seu papel esencial na mellora da seguridade viaria. Aliñada con este obxectivo, a Administración galega está impulsando o desenvolvemento de proxectos de investigación co obxectivo de adaptar a ITV á evolución tecnolóxica dos vehículos e á protección do medio ambiente.