O bono Activa Comercio xerou vendas por 12,5 millóns aos negocios locais

La Voz REDACCIÓN

ECONOMÍA

PACO RODRÍGUEZ

Uns 134.000 galegos beneficiáronse dos descontos desta terceira edición do programa, dotada de 2,5 millóns de euros

11 jun 2023 . Actualizado ás 14:39 h.

O pasado 15 maios arrincou a terceira edición do programa Bono Activa Comercio, ao que a Xunta de Galicia dotou de 2,5 millóns de euros co obxectivo de incentivar o consumo dos galegos. Non en calquera sitio, senón nos establecementos de proximidade. E é que foron os locais pequenos os que máis sufriron o impacto da pandemia e aos que máis lles custa competir agora coas grandes superficies. 

Os fondos esgotáronse en cuestión de tres semanas. E iso que o prazo se ía a manter aberto ata o 15 de setembro. Lembrouno este domingo a Consellería de Economía, Industria e Innovación, encargada de lanzar os cheques de desconto cos que conseguiu incentivar vendas por valor de 12,5 millóns de euros no comercio galego. 

O éxito que cultivaron as dúas edicións anteriores empurrou o Executivo autonómico a eliminar nesta ocasión o límite imposto ao número de usuarios que podían descargarse os bonos (un por persoa), abrindo a billa a todos os consumidores ata esgotar o orzamento.

E iso explica por que ata 133.945 galegos beneficiáronse nestas tres semanas dos cheques. Segundo os datos da consellería, un total de 7.058 locais participaron no programa. 

Os sectores máis favorecidos

Agora ben, onde se incentivaron máis as compras? Os bonos impulsaron especialmente o negocio dos comercios dedicados ao téxtil (venda de roupa e artigos do fogar), que concentraron o 38,7% do volume total das vendas realizadas con estes bonos. Séguenlle o calzado (14,5%) e os xoguetes (10,2%). Ópticas (7%) e barberías (6,24%), tamén se repartiron unha parte do pastel. 

Cada cliente tivo á súa disposición un desconto máximo de 30 euros. Para compras cuxo custo oscilase entre os 20 e os 30 euros, o desconto ascendía aos 5 euros. Entre 30 e 50 euros, a rebaixa ao pasar por caixa era de 10 euros. Para compras de máis de 50 euros, o bono chegaba a financiar 15 no recibo final.

Sete de cada dez euros quedaron na Coruña e Pontevedra 

Se houbo disparidade entre sectores, tamén a houbo entre provincias. Os comercios que máis se beneficiaron dos incentivos públicos foron os de Pontevedra (38% das vendas) e A Coruña (34%). Os establecementos pontevedreses ingresaron en caixa 4,7 millóns de euros vinculados aos bonos Activa Comercio, fronte aos 4,2 millóns de euros dos coruñeses. 

Na provincia de Ourense , os cheques conseguiron mobilizar 2 millóns de euros, en contraste cos 1,5 millóns de Lugo

Na anterior convocatoria do Bono Activa Comercio, vinculado á campaña do Nadal, a Xunta desembolsou fondos a un total de 166.000 clientes de toda a comunidade. Os fondos esgotáronse en cuestión de tres días.