O xuíz Pedraz investiga a ampliación de capital do Popular do 2012

Efe MADRID

ECONOMÍA

CESAR QUIAN

A Audiencia Nacional admite unha nova querela contra o expresidente e a consultora que avalou a operación

02 jun 2022 . Actualizado ás 12:23 h.

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz investiga dúas querelas pola ampliación de capital do Popular do 2012, independentes da causa que instrúe o maxistrado José Luis Calama, que comezou en outubro do 2017 coa admisión de varias querelas contra os dous últimos equipos xestores do banco.

O pasado mes de abril, o xuíz Alejandro Abascal iniciou dilixencias tras a presentación dunha querela de Durán & Durán Avogados contra o expresidente da entidade Anxo Ron e o seu entón número dous, Roberto Higuera, pola ampliación do 2012, que posteriormente por repartición lle correspondeu a Pedraz.

Agora, nun auto datado o pasado 31 de maio ao que tivo acceso Efe, o titular do Xulgado Central de Instrución Número 5 admite unha nova querela dirixida contra Ron, Higuera, PwC e o socio da consultora José María San Oliva, a todos os cales se lles tomará declaración.

O xuíz pedirá ao Banco de España os informes de seguimento do Popular dos anos 2010 e 2011, así como o folleto da ampliación de capital do 2012, para determinar «se a información contable nela expresada ofrecía a imaxe fiel da entidade e estaba libre de calquera manipulación ou deformación». Tamén, as contas oficiais publicadas polo banco dos exercicios 2010, 2011 e 2012, tanto as anuais, como as trimestrais e semanais, así como os informes intermedios, xunto aos reaxustes que nelas se puidesen ter realizado, para determinar se a información contable nela expresada ofrecía a imaxe fiel da entidade e estaba libre de calquera tipo de manipulación ou deformación.

Pedraz quere que o Banco de España designe a dous inspectores para que analicen o folleto e a documentación da ampliación, e que a Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV) achega o expediente administrativo completo e elaborado para o rexistro da operación.

Así mesmo, require ao Banco Popular -agora Banco Santander, entidade que queda fóra da querela aínda que o xuíz se reserva «unha posible responsabilidade civil subsidiaria»-, copia das actas de reunións do consello de administración desde o 1 de xaneiro de 2010 ao 31 de decembro de 2012, así como copia do informe de auditoría dos anos 2010, 2011 e 2012.

Todo iso é independente da investigación do xuíz Calama, que abriu dúas pezas separadas, a primeira que investiga ao equipo de Anxo Ron pola ampliación de capital do 2016, e unha segunda sobre os 108 días de mandato de Emilio Saracho, que se centra nun posible delito de manipulación do mercado con noticias falsas para facer caer o valor da cotización.