A fortuna de Amancio Ortega, tan grande como a dos seguintes 52 españois máis ricos xuntas

Sara Cabrero
S. Cabrero REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

O fundador de Inditex repite como o primeiro patrimonio do país, segundo a revista «Forbes», que incorpora por primeira vez neste ránking a Juan Carlos Escotet

02 nov 2021 . Actualizado á 23:21 h.

A afamada lista que cada ano elabora Forbes coas maiores fortunas españolas ten outra vez marcado acento galego. Os primeiros postos do ránking seguen ocupados pola familia Ortega. O patriarca, Amancio Ortega, é o home máis rico do país, cun patrimonio que ascende aos 67.000 millóns de euros, a mesma cantidade que atesouran os 52 máis ricos que lle seguen na clasificación. Ademais, as contas de Ortega conseguiron saír airosas da crise provocada polo coronavirus. Aínda que o seu peto se resentiu o ano pasado -segundo os cálculos da lista Forbes do 2020, a fortuna do galego diminuíra en 6.000 millóns de euros-, a recuperación parece estar en marcha e o capital do galego é 10.000 millóns superior ao do pandémico ano 2020.

A medalla de prata vólvella colgar a filla dos fundadores do imperio téxtil galego. Sandra Ortega repite no segundo posto desta lista grazas aos 6.300 millóns de euros nos que está valorada a súa fortuna.

Por detrás da familia Ortega sitúase o presidente de Ferrovial, Rafael do Pino, que consegue arrebatarlle o posto a Juan Roig grazas á evolución que experimentou a empresa de infraestruturas en bolsa e a política de dividendos dos últimos anos. O fundador de Mercadona baixa así un posto e queda no cuarto lugar cunha fortuna de 3.700 millóns.

A novidade este ano protagonízaa Juan Carlos Escotet. O presidente de Abanca irrompe no ránking español de Forbes para colocarse directamente no quinto posto (ata o de agora incluíase na lista venezolana). Segundo os cálculos da revista, o patrimonio do banqueiro ascende a 2.700 millóns. 

Se se tira de calculador, pódese comprobar que os cinco primeiros protagonistas desta lista concentran máis do 50% da riqueza de todo o ránking: 83.500 millóns de euros. Segundo os datos publicados por Forbes, as grandes fortunas do país lograron superar a fochanca que trouxo consigo a crise sanitaria e achéganse xa aos niveis previos á pandemia. Durante este ano, a súa riqueza elevouse a 153.575 millóns de euros, o que supón un 17% máis que no 2020. De feito, cada milmillonario incrementou a súa carteira nunha media de 565.000 euros ao día.

Escotet non é a única incorporación á lista de empresarios adiñeirados. Entre as novidades tamén destaca José María Aristrain, accionista significativo de ArcelorMittal, que con 950 millóns colócase no posto 27.

Forbes destaca tamén o peso que lograron as renovables, que permiten a homes como José Elías (accionista de Audax Renovables) facerse un oco na publicación deste ano. Outra das incorporacións é a de Óscar Serra, un dos fundadores e accionistas relevantes do fabricante de piscinas Fluidra, que desde o 2017 conseguiu quintuplicar o seu valor en bolsa.

Mención especial

A pesar de non figurar entre as cen maiores fortunas, Forbes fai unha mención especial para algúns deportistas españois. Rafa Nadal e Fernando Alonso, por exemplo, acumulan cada un deles unha riqueza de 225 millóns de euros. Non son os únicos que aparecen destacados, porque tamén ocupan un posto de honra outras figuras como Sergio Ramos, Iniesta ou Piqué, con 100 millóns de euros cada un deles.

A nivel internacional, chama a atención o caso do expresidente dos Estados Unidos Donald Trump, que saíu por primeira vez nos últimos 24 anos da lista das 400 maiores fortunas do mundo.