Suso Mosquera, o último en levantarse dunha mesa

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

XOAN A Soler

Falece o home que liderou a UGT en Galicia durante 25 anos e que fixo desta organización o primeiro sindicato

14 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Era un bo conversador, carismático, metódico e adoitaba abordar o seu traballo con visión anticipadora. «Dialogante sempre, era o último en levantarse dunha mesa». Así define a Suso Mosquera, referente indiscutible da maior organización sindical de Galicia, a UGT, unha das persoas que mellor o coñecía, Fernando Vázquez, que foi durante anos a súa man dereita no sindicato, chofer ocasional e, por amais de todo, fiel compañeiro e amigo.

A vida de Suso Mosquera apagouse onte na Coruña, aos 74 anos de idade, tras varios meses de loita contra o cancro. Non perdeu nunca a capacidade para interpretar a realidade. Contan na súa contorna que as últimas semanas estaba entusiasmado con poder coller no colo á súa primeira neta. O destino é caprichoso e non puxo facilidades. O bebé naceu o luns e Mosquera falecía poucas horas despois, aínda que tivo tempo de apreciar a cara da súa neta a través dunha foto.

Nacido en 1943 en Merza, no municipio pontevedrés de Vila de Cruces, Suso Mosquera empezou a pór un pé no sindicalismo de orientación cristiá a finais dos anos cincuenta. A súa traxectoria fíxoa na Unión Sindical Obreira (USO), á que se afiliou en 1963 e coa que acabou confluíndo en 1977 na UGT tras o congreso da fusión. En 1980 converteuse en secretario xeral de UGT Galicia, cargo que mantivo ata o 2005, protagonizando unha das carreiras máis estables e fecundas do sindicalismo galego, pois tivo moito que ver na profesionalización do sindicato, en que se convertese na organización con máis afiliados en Galicia ou no nacemento de Unións Agrarias en 1983 como unha atípica organización sindical para autónomos. «Sempre estaba encima de todo o que se facía; gardaba os libros de actas e afiliados no seu despacho, e pedía que regularmente pasásemos a render contas», sostén Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.

Do compañeiro Suso tamén se di que eran un obrerista, «un socialista ata a medula, pero sobre todo sindicalista», sinala Pepe Carrillo, compañeiro de fatigas en UGT.

Diso tamén hai constancia pública. Nos anos oitenta, Mosquera compaxinou o liderado sindical cun escano do PSdeG no Parlamento galego. Pero o Goberno de Felipe González intentou interferir no sindicato e desactivar a folga xeral do 14D de 1988, e Mosquera, como Nicolás Redondo, renunciou ao escano e abonouse á autonomía sindical. Sempre estivo próximo a Redondo. Nunha ocasión, ambos deron plantón nun acto da patronal na Coruña porque se mofaron dos traballadores. Acabaron nun local da avenida Fisterra tomando un groliño e brindando pola causa obreira que os uniu.

Os seus restos mortais están no tanatorio Servisa da Coruña, onde esta tarde serán incinerados.