As vodas de prata do instituto Marco do Camballón de Cruces

maría do alicerce presas VILA DE CRUCES

VILA DE CRUCES

MARCOS MÍGUEZ

O centro ostenta grandes logros e múltiples premios

26 feb 2024 . Actualizado ás 18:48 h.

Este mes de febreiro no instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces estamos de aniversario. O centro comezou a funcionar en setembro do curso académico 1998-1999. No mes de agosto os alumnos matriculáronse no Concello e en setembro comezouse con normalidade.

O noso centro conta cunha oferta educativa que inclúe ESO, Bacharelato, FP Básica da rama administrativa e dous ciclos formativos de Grao Medio de Soldadura e Calderería, ademais do ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, todas na modalidade presencial. Actualmente a comunidade educativa confórmana 45 profesionais e 22 departamentos didácticos que imparten materias de tradición oral como é a regueifa ata as novas incorporadas ao currículo, como Intelixencia Artificial.

Acadamos grandes logros e durante moitos anos quedamos entre os dez primeiros institutos clasificados dentro dos mellores resultados obtidos nas probas ABAU. Moitas veces obtivemos o premio extraordinario da ESO e Bacharelato. No 2012 obtivemos a mellor media de Galicia nas probas de selectividade. E múltiples premios adornan o noso currículo, como gañadores do concurso Odisea (latín e grego); premio ao mellor debate no concurso Parlamento Xove; Futurgal, que premia ideas sostibles deseñadas nas aulas; certame escolar de regueifa de Valadares; premio Antón Fraguas; ou premio ao mellor soldador de Galicia nos Skills.

Estes éxitos conseguíronse pola implicación do alumnado e profesorado; este último continuamente estase formando e participa en numerosos proxectos tanto de ámbito autonómico como internacional, en Erasmus+. O compromiso do noso profesorado lévalles a realizar numerosas actividades complementarias e extraescolares. Lembremos as visitas a Roma, París, Costa Azul, Toscana, Ruta do Quixote, Madrid, Andalucía, Barcelona, Andorra, Manzaneda, Lourdes, Malta,...

Mención especial merecen o labor exercido polo equipo de dinamización da lingua galega, coa súa implicación e posta en valor da cultura tradicional. E o equipo de traballo da biblioteca que dinamiza o centro, tanto polo gran número de actividades que realiza como pola difusión das mesmas a través de nosa radio. Contamos durante moitos anos cunha revista propia, Camballón.com, que divulgaba contidos e actividades ligadas ao noso ámbito.

O Camballón está comprometido coa muller e organizamos ao longo de varios anos catro Encontros Feministas e o premio Juana López Elizagaray, intentando educar a favor da igualdade de xénero. Comprometidos co medio ambiente, plantamos especies autóctonas nun espazo ao que chamamos o Bosque do Camballón; temos horta ecolóxica nun invernadoiro e colaboramos cunha asociación que a recollido os froitos para axudar ás familias menos favorecidas de Vila de Cruces; e houbo visitas a Sogama e posta en marcha dun programa de sustentabilidade para o noso centro.

Temos compromiso coa saúde, coa realización e sinalización de rutas saudables; coa ciencia, coa publicación da revista Marco e o lanzamento do globo dentro do proxecto Marumasat, para enviar unha cápsula estratosférica que aspira a acadar os 35.000 metros de altura; e o logro conseguido por dous dos nosos alumnos que puideron memorizar ata 421 decimais do número pi. O noso instituto conta cun equipamento de mediación que traballa a prevención e realiza asembleas de convivencia.

Ao longo destes anos, dous espazos do centro teñen nome propio. A aula de maior tamaño leva o nome de Manuel Dobarro, antigo profesor de Xeografía e Historia, moi querido no instituto e que lamentablemente xa non está entre nós. E este curso pasado bautizamos á biblioteca co nome de Pepe, dedicada a José Fernández Asorey, que foi profesor no centro e tamén formou parte do equipo da biblioteca e que continúa colaborando agora.

O equipo directivo quere dar as grazas a todos os integrantes doutras direccións anteriores polo seu traballo e implicación no bo funcionamento do Camballón. O futuro do noso centro pasa por manter a oferta educativa actual e se fose posible ampliala con varios ciclos como o Superior de Educación Infantil e Superior de Enerxías Renovables. Este último poría a Vila de Cruces á vangarda do avance tecnolóxico e creación de emprego.

O IES celebrará o 31 de maio unha xornada de portas abertas e todos agardamos que sexa un día de encontro entre antigos alumnos, pais e profesores. Haberá múltiples actividades. O noso propósito é achegar o centro ás familias no día a día.

María del Pilar Presas, licenciada en Xeografía e Historia pola USC e estudos de doutoramento na UNED, é a actual directora do IES Marco do Camballón