
O Concello de Silleda xa anunciou a súa intención de actuar con urxencia na recuperación da zona danada nun dos espazos máis visitados
11 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.Un incendio forestal, que comezou ao redor das 13.56 horas de onte, calcinou parte do Castro de Toiriz, en Silleda. As chamas afectaron a unha zona que fóra recentemente rozada polos servizos municipais na parte alta da croa, en área musealizada hai uns anos nun dos enclaves máis visitados da contorna urbana silledense. O lume, segundo os datos da Consellería do Medio Rural, afectou a unha superficie estimada de 0,25 hectáreas de monte raso. Nos labores de extinción participaron dous axentes, tres brigadas e tres motobombas.
Desde o Concello de Silleda destacaban a rápida actuación dos traballadores do servizo contraincendios da Xunta, que contaron coa colaboración da Policía Local. Un labor que permitiu controlar o lume, apuntan, con grande eficacia. A Policía Local mobilizou a todos os seus efectivos ate a proximidade de vivendas e co obxectivo de garantir en todo momento a seguridade. Por agora descoñécense as causas do incendio.
O goberno local acordou realizar o vindeiro luns —hoxe é festivo local— unha valoración técnica dos danos, encamiñada especialmente a comprobar o estado das estruturas metálicas instaladas pola Deputación de Pontevedra que formaron parte do proxecto para a musealización desta área e que puideron quedar afectadas polas chamas e serán revisadas. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, desprazouse á zona nada máis coñecerse o inicio do incendio. O Concello anunciou que levará a cabo canto antes os traballos de preparación e acondicionamento da zona para avanzar na posta en valor deste recinto castrexo.
Os responsables municipais agradeceron o traballo dos equipos de emerxencia e a colaboración cidadá que permitiu actuar rapidamente tras o aviso, tanto a través da Liña Verde municipal como ao 112. O goberno local incidía onte no valor tanto patrimonial como emocional para os veciños de Silleda deste enclave. O lume, explicaban, «afectou unicamente á zona da copa do castro, a parte máis ata da croa, sen que se vise comprometida ningunha masa arbórea».
Lume en Val de Sangorza
Non foi o único incendio na comarca dezana a pasada xornada. Ás 13.08 horas iniciábase outro foco neste caso en Val de Sangorza, en Agolada, que quedou estabilizado ás 16.12 horas e controlado ás 18.35 horas. Afectou, segundo as estimacións realizadas pola Consellería do Medio Rural, unhas tres hectáreas de monte arborizado e superficie rasa. Nos traballos de extinción participaron un axente, seis brigadas, tres motobombas, un técnico, dous helicópteros e dous avións.
Por outra banda, na parroquia estradense de Ribeira produciuse un incendio forestal que comezou ás 17.30 horas do mércores e deuse por extinguido ás 20.25 horas. Neste caso, o incendio non se produciu nunha zona de monte senón nunha leira agrícola. Non é o primeiro destas características que ten lugar nos últimos días na zona. De feito no de Val de Sangorza críase que entre a superficie queimada atopábase tamén algunha zona de pasto. A Estrada extinguiron o lume un axente, unha brigada e dúas motobombas.