Un incendio forestal calcina en Silleda a parte alta do Castro de Toiriz

La Voz

SILLEDA

Miguel Souto

O Concello anuncia que actuará de forma inmediata na recuperación da zona danada

10 jul 2025 . Actualizado á 17:13 h.

Un incendio forestal, iniciado ás 13.56 horas de hoxe, calcinou parte do Castro de Toiriz, en Silleda. As chamas afectaron a unha zona que fose recentemente rozada polos servizos municipais na parte alta da croa. O lume, segundo os datos da Consellería do Medio Rural, afectou a unha superficie estimada de 0,25 hectáreas de monte raso. Nos labores de extinción participaron dous axentes, tres brigadas e tres motobombas.

Desde o Concello destacan a rápida actuación dos traballadores do servizo contraincendios da Xunta, que contou coa colaboración da Policía Local. Un labor que permitiu controlar o incendio, apuntan, con grande eficacia. A Policía Local mobilizou a todos os seus efectivos ate a proximidade de vivendas e co obxectivo de garantir en todo momento a seguridade.

O goberno local acordou realizar o vindeiro luns unha valoración técnica dos danos, encamiñada especialmente a comprobar o estado das estruturas instaladas pola Deputación de Pontevedra que formaron parte da musealización desta área e que puideron quedar afectadas polas chamas e serán revisadas. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, desprazouse á zona, nada máis coñecerse o inicio do incendio. O Concello anunciou que levará a cabo canto antes os traballos de preparación e acondicionamento da zona para avanzar na posta en valor deste recinto castrexo.

Os responsables municipais agradeceron o traballo dos equipos de emerxencia e a colaboración cidadá que permitiu actuar rapidamente tras o aviso, tanto a través da Liña Verde municipal como ao 112. O goberno local incidía onte no valor tanto patrimonial como emocional para os veciños de Silleda, deste enclave. O lume, explicaban, «afectou unicamente á zona da copa do castro, a parte máis ata da croa, sen que se vise comprometida ninguna masa arbórea».

Non foi o único incendio na zona. Ás 13.08 horas iniciábase outro en Val de Sangorza, en Agolada, que quedou controlado ás 16.12 horas e afectou, polo menos en parte, a unha zona agrícola. Nos traballos de extinción participaron un axente, seis brigadas, tres motobombas, un técnico, dous helicópteros e dous avións.