Santa Ferreña cumpre 25 años o día 1 en Carboeiro con música, artesanía e contos

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

MIGUEL SOUTO

Está aberto o prazo de inscripcioón para o xantar popular

21 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Os Encontros de música Tradicional, organizados pola Asociación intercultural Santa Ferreña, cumpren o vindeiro día 1 de xuño 25 anos. Una data moi especial para un programa que mantén a esencia e invita a unirse a esta cita que é, xa dende fai moito, unha referencia para a música tradicional.

O programa comezará cunha sesión vermú a iso do mediodía para continuar coa poxa das andas e a posterior procesión de Santa Ferreña, acompañada polos papamoscas da compañía lalinense Viravolta. Coma sempre, os participantes terán tamén que lidiar coa coca e co demo na ponte. Nestas vodas de prata dos Encontros a exposición, que se poderá visitar ao longo de todo o día, mostra todo o argallado pola comunidade ao longo destes derradeiros 25 anos. O seu título: Un cuarto de século Encontrándonos. Nela poderase ver como foi nacendo e desenrólanse este rito festivo e como se foi vivindo a festa. Mostraranse tamén monicreques da colección de Viravolta.

Con aires de romaría haberá, un ano máis, un xantar popular que ofrece dúas opcións. A dun menú verde con empanada vexetal e arroz con verdura e cogomelos e un menú vermello, a base de empanada e xarrete estufado. Ambos complétanse con pan, viño, auga e café con gotas. O prezo por persoa é de 22 euros para os adultos e 11 euros para nenos de menos de once años. Este año, a novidade, é que o menú só se poderá con reserva previa. O prazo para apuntarse remata o 26 e se pode facer a través do formulario http://bit.ly/xantarcarboeiro2024 indicando con que xente ou cuadrilla se quere sentar e facendo o pagamento a través dunha transferencia bancaria.

Na festa haberá tamén unha cantina que ofrece bocadillos variados e empanadas, tanto en opción vexetariana como non. Dende a agrupación organizadora lembran que son as vendas na cantina e as de artigos de recordo as que serven para financiar os Encontros.

Neste espazo natural ubicaránse tamén diversos postos de artesanía entre os que estarán algúns de instrumentos tradicionais, coiro, abelorios, xoguetes, cerámica e pezas de forza, entre outros. Pola tarde, o lalinense Celso Fernández Sanmartín realizará na capela do mosteiro unha contada titulada Vivindo do conto en tempos da Panorama. A cooperativa Sororas levará a súa ludoteca de xogos tradicionais e populares que farán as ledicias de pequenos e grandes. Os protagonistas serán especialmente os grupos e músicos que acoden a este encontro de foliada no que reina os sons da terra.

O acceso ao mosteiro estará cortado ao tráfico de vehículos desde o venres 31 ata as 22.00 horas do sábado, día 1. Haberá un servizo de autobuses lanzadeiras gratuíto con saídas cada 20 minutos o día 1, de 12.30 a 15.00 e de 16.30 a 21.00 horas e haberá un espazo sinalizado para acampada.