0003_202405D19C12998

«O máis satisfactorio é poder axudar»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

O seu era o comercio exterior ata que as urxencias se cruzaron no seu camiño e a elas dedica a súa vida

19 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Juan José Muñoz (Monforte de Lemos, 1968) recoñece que nunca se imaxinou no corpo de bombeiros nin no campo das urxencias, pero unha praza de xerente-xefe do Consorcio contra incendios e salvamento de Deza e Tabeirós-Terra de Montes cruzouse no seu camiño na súa terra de adopción: Silleda. Alí empezou o que el chama «unha vocación tardía» dentro do mundo das urxencias, ao que segue entregando a súa vida, á fronte do parque de bombeiros intercomarcal. De neno, confesa, «non tiña unha vocación concreta por nada en concreto». Estudou a carreira de Económicas en Santiago e un máster de comercio exterior coa idea posta «en traballar nunha empresa de exportación».

O seu pai, un veterinario de León, coñeceu á súa nai, do Saviñao, en Galicia onde estaba destinado. Por iso é polo que Juan José nacese en Monforte de Lemos. O seu pai traballou en Monterroso e logo pediu praza en Silleda. Alí exerceu durante moitos anos como veterinario municipal, un concello ao que Juan José chegou con 14 anos e no que segue traballando. Entrou no consorcio en 1998, «fixo este mes 26 anos», e no 99 púxose en funcionamento o actual parque con sede en Silleda. Houbo un período interrompido por oito anos, entre o 2009 e o 2017, no que estivo de excedencia para ocupar o posto de xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega).

Ese traballo, comenta, «permitiume ter unha visión máis globalizada e integral das urxencias». Durante ese período, o que lle ocupou máis tempo foi «montar o novo 112 na Estrada. Foron cinco anos de traballo ata pólo en produción. Foi un labor titánico cun ambiente laboral e social moi hostil, porque Santiago non quería que se fose o 112 e os traballadores tampouco». Unha situación á que engade as complexas dificultades técnicas dun traslado que esixiu, entre outras cousas, «un plan de continxencia moi complicado».

En todos estes anos sinala que «hai cousas que se manteñen, pero a tecnoloxía avanzou moito e as urxencias non son alleas. Produciuse un pequeno salto e cada día hai cousas novas. A electrónica invadiuno todo, empréganse drones, sensores, cámaras térmicas e agora nun teléfono móbil poden levar moitas cousas como fichas de intervención».

Neses momentos o consorcio ten en marcha unha oposición para cubrir tres vacantes. Para Muñoz, o parque intercomarcal «sempre tivo unha carencia crónica de persoal». As gardas son de tres bombeiros «aínda que houbo algún tempo en que eramos catro», pero cre que se necesitarían quendas de catro e un mando dada a enorme extensión de territorio que cobren. «Afortunadamente —engade— hai máis servizos de urxencias na zona e agora temos a sorte con poder contar con GES en Lalín e A Estrada». As prazas convocadas, puntualiza, «non son novas, son de reposición, veñen cubrir vacantes existentes».

Fóra do parque, as súas afeccións inclúen a montaña, con sendeirismo «polos Picos de Europa, os Pireneos,... non escalo pero case», afirma. Outra das súas grandes paixóns é a observación de paxaros aos que plasma en belas fotografías que esixen moita destreza técnica.

Botando a vista atrás non esquece as traxedias das que foi testemuña. Entre elas, «un accidente de tráfico en Forcarei preto do Alto do Candán baixando para Aciveiro no que morreu unha familia enteira de catro persoas». Aínda que na zona, afortunadamente, non se produciron grandes traxedias si participaron na atención a sinistros como o de Pedre. Unha Noiteboa na que quedou «un sabor amargo» por non ter podido salvar ás persoas que faleceron.

Desde a Axega participou no operativo do accidente ferroviario de Angrois. «Foi algo que che marca a nivel persoal e profesional. Foi un accidente de tal dimensión... con varios centos de feridos que pedían axuda, de 20 ou 30 nacionalidades distintas». Cre que dentro do malo «tivemos a sorte que foi o día que era (un 25 de xullo, Día de Santiago) e que foi onde foi, porque Compostela tiña reforzadísimos todos os servizos de Bombeiros, de urxencias,.... Aprendemos moito da parte psicosocial, que foi talvez, a máis complexa. Houbo que xestionar lugares onde levar aos accidentados; a parte científica de identificación dos restos algún partes pequenas dun corpo; xestionar as equipaxes,...».

Do seu traballo destaca que a maior satisfacción é «a de poder axudar a facer a vida un pouco mellor a unha persoa, porque a de salvar vidas é evidente». Co paso do tempo aumentan na zona as casuísticas asociadas aos maiores con actuacións de apertura de portas para rescatar a persoas que se caen nos seus domicilios e non son capaces de levantarse ou que viven sos e que falecen nas súas casas. Sen esquecer o cambio climático e as ciclogénesis que forman parte importante estes últimos anos das actuacións.