O BNG de Silleda pide melloras na seguridade da N-525

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

cedida

24 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O BNG de Silleda presentou unha moción para o seu debate en pleno a fin de reclamar ao Ministerio de Transporte a realización, de forma urxente, de obras de mellora da seguridade no tramo urbano da Nacional 525 ao seu paso por Silleda. Piden que se reduza de xeito efectivo a velocidade de circulación nas saídas da localidade en ambas as direccións e que se mellore a sinalización dos pasos de peóns que non contan cun semáforo.

Ao mesmo tempo reclaman á administración á que corresponda esta actuación, que realice o máis axiña posible, as obras necesarias para rebaixar a altura das beirarrúas a ambos os dous lados do paso de peóns situado no cruzamento da rúa Barrio do Campo e o lugar de Mourelos.

Unhas actuacións ás que suman a petición de mellora da iluminación, especialmente no interior das marquesiñas de autobús situadas no centro urbano e tamén sobre os pasos de peóns. O concelleiro Xerardo Díaz, lembra á alcaldesa que fai un par de semanas sinalaba que ao ser deputada en Madrid ía atender as demandas dos silledenses. Para os nacionalistas podería comezar por estas demandas e creen que estes problemas teñen que arranxarse canto antes tanto por parte do Ministerio como do Concello.