Cinco negocios da zona buscan substitución cun plan da Xunta

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

Unha liña de axudas para financiar parte dos gastos do traspaso

21 abr 2024 . Actualizado ás 22:55 h.

Os negocios que teñen previsto cesar a súa actividade a curto ou a medio prazo poden atopar na Xunta a axuda necesaria para atopar unha substitución e quen tome as rendas da actividade empresarial e continúea. Na zona son cinco os adscritos nestes momentos a este programa Este foi posto en marcha pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade no anterior mandato e está destinado a facilitar unha substitución especialmente nos casos nos que non existe ou non é posible un traspaso xeracional, o que leva consigo unha ameaza de pecha.

As peticións e a atención aos interesados xestiónanse a través dos Polos de Empremdemento. No de Pontevedra Norte, con sede en Silleda, teñen rexistrados un total de cinco negocios que buscan quen se faga cargo deles.

Na maioría dos casos a demanda obedece á xubilación dos seus propietarios, que en moitos casos, non atoparon dentro das súas familias quen se fagan cargo deles,

Nestes momentos nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de montes buscan relevo cinco negocios. Un deles é unha tenda de ultramarinos no rural e outro una de complementos, ás que se suman un taller de carpintería na Estrada, unha empresa de escaiola e pintura e outra de fontanería, neste caso, Fondeza, en Lalín.

As persoas interesadas poden solicitar información a través da páxinas web dos polos de emprendemento no apartado deste Plan de Remuda.

O persoal da rede de polos ocúpase de acompañar aos interesados en todo o proceso, asesorándoos e auxiliándoos nesta procura de substitución ou de transmisión do negocio. A iniciativa acompáñase dunha guía explicativa que se está distribuíndo de forma física.

Nos próximos meses está prevista a convocatoria dunha orde de axudas específicas que teñen como obxectivo axudar a impulsar estes proxectos de substitución xeracional. As axudas financiarán parte dos gastos que deben ser abonados en concepto de traspaso que se fagan cargo do negocio.

O plan facilita a aqueles que queren empezar un proxecto empresarial a posibilidade de optar por un negocio xa consolidado e viable, reducindo riscos, Un perfil no que se inclúen tamén xente de fóra e galegos retornados que buscan establecerse na zona.

 

Adrián Caamaño, Vanessa Loureiro e Eliana Bouzas encárganse de atender o Polo de Emprendemento de Silleda. Na provincia de Pontevedra só está este e o do Porriño, aínda que está prevista a apertura en breve doutro en Vilagarcía de Arousa. Na provincia levan atendidos ao redor de 380 proxectos, un 62 % promovidos por mulleres.

No polo, apunta Caamaño, «atendemos a todo tipo de xente en calquera período do emprendemento, dende persoas cunha idea inicial a os que teñen unha idea máis madurada. O que distingue este programa é que non está pechado no tempo nin está acotado, trátase de repostar as necesidades dos emprendedores o mellor posible e as demandas que nos planteen nas diferentes etapas do proceso», En canto aos proxectos para os que se solicita asesoramento abundan, apunta, «adamáis das actividades comerciais, hai moito turismo, neste momento hai certas ideas que se repiten bastante como cabanas ou casas de turismo rural; e o sector agroalimentario tamén ten o seu desenrolo, moita xente tenta darlle unha volta ao cultivos tradicionais, tratan de meterse no ecolóxico, introducir novas tecnoloxías e buscan cousas máis novas».

Neste campo, indica, hai desde iniciativas para o envasado de cogomelos enteiros ou proxectos de deshidratado de froitas ou de cosmética natural que tamén está en auxe. No apartado turística tiveron, di, iniciativas de camperización de furgonetas, estacionamentos de campers ou facilitar a este tipo de turistas rutas ou zonas onde deixalas.

En canto ao perfil dos emprendedores que acoden ao polo en busca de asesoramento a maioría son persoas dunha idade media situada aproximadamente nunha franxa que abarca dos 30 aos 50 anos, aínda que tamén hai persoas de máis idade e máis novas. A maioría buscan o autoemprego. O polo abre as súas portas de 9.00 a 18.00 horas, de luns a venres e os interesados poden tamén contactar a través dos teléfonos 624 005 541 e 624 218 911 onde poden concertar unha cita.

O Polo de Silleda leva atendidos 200 proxectos, o 64 % impulsados por mulleres

O Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Silleda abriu o 29 de xullo do 2022. Desde entón, leva atendidos ao redor de 200 proxectos, o 64 % deles impulsados por mulleres. Entre eles, cun 23 %, predomina os do sector comercio, seguido das actividades profesionais, científicas e técnicas cun 10 %, e a industria manufacturera cun 9%. Realizáronse preto de 500 tutorías de asesoramento, a maioría de forma telemática. A estas iniciativas súmase a realización de medio centenar de reunións con entidades da zona, sete actividades de formación, doce eventos en rede e a participación noutros sete externos.