Ou enigmático cruceiro de Santo Antonio nun penedo dá parroquia de Fiestras (Silleda)

Daniel gonzález alén SILLEDA

SILLEDA

Daniel González Alén

O elemento etnográfico, sen catalogar, semella ter moito máis dun século

20 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Este cruceiro do Santo Antonio, que se atopa amais dun penedal rodeado de carballizas na parroquia de San Martiño de Fiestras, no municipio de Silleda, tennos desconcertados. Presenta no anverso a clásica figura do Cristo crucificado, pero esta semella ter tres brazos, un deles —e perdóesenos o simil— coma se estivera sostendo un teléfono móbil para falar. Apelamos ao experto amigo Pablo Sanmartín para que nos dera unha opinión, e dinos que poida que o canteiro que o construíu, que non debía ser un gran artista santeiro, quixo envolver ao Cristo cun pano-sudario que colga tamén da cintura, sen lograr un bo resultado, aínda que si é ben orixinal e singular.

Non é o único enigma que atopamos neste cruceiro centenario que os paisanos coñecen como o cruceiro de San Antonio, razón pola que debería representar a este santo milagreiro no anverso. Pero reparando ben na figura, non lle atopamos moito parecido, malia o hábito que viste e o feito de que lle falte o inseparable Neno. Máis semella a Virxe do Rosario ca Santo Antonio.

O investigador de Silleda e amigo José María Ezequiel Ferrer, dinos que Santo Antonio é co-patrón de Fiestras e a imaxe pode ser a dun monxe bieito co seu hábito, e o que semella un rosario sería o cordón do hábito, do que colga a cruz de San Benito. Cabe sinalar que na parroquia tiveron os frades de Aciveiro unha tulla na casa do Arco do lugar de Maril, da que xa temos contado e que aínda se conserva nos nosos días.

O cruceiro que non figuraba catalogado, malia que os veciños máis vellos de Fiestras sabían ben del, atopámolo vai para vinte anos por un casual baixando do lugar de Currospedriños cara a Marín de Fiestras, a beira dun vello e importante camiño agora en desuso, na cima dun penedo, medio agochado polo mato e non reparamos ben nas figuras, daquela cubertas polos liques, conformando con facer unha foto ao conxunto.

Hai pouco tempo, fomos velo co noso irmán Suso, que reparou neste detalles e a amiga e veciña Marina Sanmartín, contounos que o cruceiro de Santo Antonio era moi antigo, que a súa nai que vai para os cen anos, xa acordaba oír falar del aos mais vellos da parroquia.

Para máis detalle, pedímoslle a Álex Negreira que lle fixera unhas fotogrametrías as dúas figuras que mostramos aquí, para ver a calidade do traballo do canteiro anónimo e se nos podía axudar a resolver o enigma, que malia todo semella que vai continuar.