Catro ganderías frisoas de Deza sitúanse entre as cen mellores de España, para Conafe

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

19 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Como cada ano, a Confederación de Asociacións de Frisoa de España (Conafe) fixo público a listaxe das cen ganderías criadoras de frisoa con mellor cualificación de España, neste caso correspondentes ao 31 de decembro do 2023. Nesta listaxe hai catro explotacións dezanas, unha máis que no exercicio anterior, sendo a Gandería Mato de Rellas, en Silleda, a que obtivo a mellor cualificación da provincia de Pontevedra.

A clasificación obtéñense coa media dos puntos das reprodutoras co mesmo prefixo gandeiro cualificadas na explotación de orixe ou na de destino, no caso que teña sido transferidas. Ademais, consideráronse as ganderías de 17 reprodutoras ou máis cunha porcentaxe inferior ao 5 % de rexistro auxiliar sobre o censo de reprodutoras e un mínimo de dez animais nados e cualificados na gandería.

Gandería Mato quedou como a mellor da provincia pontevedresa, a novena de Galicia e no posto 33 de toda España. Fíxoo cunha cualificación media de 84,3, con 45 cabezas reprodutoras. A mellor en todo o territorio nacional, segundo o informe de Conafe, ocupouno Gran Diplomada Badiola de Asturias, con 87,86 e 354 cabezas reprodutoras. O podio completárono dúas ganderías lucenses, Baixo Holstein de segunda e Mantoño Holstein de terceira, con 87,71 e 87,53 puntos respectivamente.

O segundo posto entre as ganderías da zona entre as melloras criadoras de frisoa é Midón, de Barcia, en Lalín. No 2022 fora primeira, agora desbancada por Mato. Sitúase no posto 47, con 83,91 puntos e con 55 vacas reprodutoras. Hai que baixar ata o lugar 79 da lista para atopar a Gandería Fraga, de Goiás, tamén de Lalín, con 83,30 puntos e 118 reprodutoras. Para rematar, no 85 atópase Gandería Manteiga, de Oirós, en Vila de Cruces, coas súas 134 vacas reprodutoras e unha puntuación de 83,15.