Once mil veciños ven afectados por unha rede eléctrica deficiente

d. c. LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

cedida

Dozón, Silleda e Vila de Cruces teñen a peor infraestrutura da zona

10 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Os apagamentos, as idas e vindas da rede eléctrica ou as baixadas de tensión son experiencias comúns nunha enorme cantidade de vivendas das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Unha infraestrutura enerxética deficitaria para unha parte importante dos veciños, especialmente nas zonas máis rurais, que sin duda afecta o seu nivel de vida. Segundo os datos que ofrece o Ministerio de Política Territorial a través da súa Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais, máis de once mil habitantes ven afectados por unha rede eléctrica de mala calidade.

Isto significa que practicamente o 17,5 % da poboación conta cunha subministración eléctrica de «mala calidade» a tenor do publicado na enquisa que realiza o Goberno. O informe sinala cales son os municipios máis afectados. Na provincia de Pontevedra só son cinco aqueles cualificados cunha rede deficiente, tres deles dezáns: Dozón, Silleda e Vila de Cruces. Ademais, comparten esta dubidosa honra Catoira e Ponte Caldelas.

No caso de Dozón, o ministerio sinala que o 76,47 % dos habitantes padecen unha subministración eléctrica «mala», mentres que o 30 % restante é «bo». En Silleda son 5.930 veciños os que non contan cunha rede en bo estado, preto do 63 % da poboación trasdezana. Case tres mil silledenses si dispoñen dunha rede de calidade (33 %). Unha cifra peor se dá en Vila de Cruces. É o municipio da zona no que máis habitantes están afectados por unha subministración de baixa calidade, sendo o 83,6% dos veciños. Uns 4.300 cruceños fronte aos 856 cuxa rede é «boa».

A maioría, con problemas

Aínda que desde o ministerio non a cualifiquen de mala calidade, a maior parte da poboación das comarcas conta cunha instalación «regular». Un termo intermedio que non evita os problemas co abastecemento eléctrico. Concretamente son 38.216 persoas, o 60,3 % do total.

Sorpresivamente, o informe detalla que unicamente Agolada ten unha rede de boa calidade. Na Estrada só o 23,5 % dos fogares dispón dunha infraestrutura enerxética óptima, sendo 15.563 os veciños cunha rede «regular». En Lalín están nesta situación o 89 % das vivendas, mentres que para 2.229 persoas a subministración é bo. En Rodeiro a porcentaxe de poboación mellor abastecida é superior ás dúas grandes urbes da zona, sendo do 34,18 %.

Iluminación pública

A iluminación pública chego a Galicia en 1888, concretamente a Pontevedra, sendo a segunda cidade española con esta importante innovación. Pois 136 anos despois hai algúns fogares que carecen deste servizo indispensable. Nas comarcas son os que menos, pero aínda así a cantidade é superior á media provincial.

Son 1.523 vivendas en Deza e Tabeirós-Terra de Montes que non teñen iluminación pública, o 3,5 % do total. Nalgúns casos, como en Agolada (0,14), A Estrada (0,07), Forcarei (0,04), Rodeiro (0,21), Vila de Cruces (0,66) ou Dozón (1,56) é testemuñal, con todo en Silleda e Lalín concéntranse a maioría dos afectados. Na capital dezana son 1.030 vivendas as que carecen deste servizo, mentres que en Silleda son 441. En ambos os casos concentran ao redor do 7 % dos fogares.

Case oitenta núcleos de Lalín non teñen iluminación, mentres que en Silleda son 36. Na Estrada son 6, en Agolada 3, en Dozón 4, en Forcarei 1, en Rodeiro 3 e en Vila de Cruces 5.

Gas canalizado

A enquisa tamén cifra a calidade do servizo de gas canalizado. A maioría de concellos carecen do mesmo, sendo A Estrada e Lalín os únicos que dispoñen da zona.

No estradense son 8.386 os veciños que dispoñen dunha subministración de boa calidade e no dezán son 10.881. En ambos é aproximadamente o número de habitantes que teñen os seus centros urbanos. O resto dos veciños non teñen esta infraestrutura.

Ao redor dun milleiro de vivendas non dispoñen do servizo de recollida de lixos

Outro punto no que pon o foco o informe gobernamental sobre os recursos municipais é no da recollida de residuos urbanos. Na provincia de Pontevedra son 10.923 as vivendas que carecen deste servizo, delas, 1.024 atópanse nas comarcas. A diferenza doutros elementos como a calidade da rede eléctrica ou o abastecemento de auga, neste caso a maioría dos concellos fixeron os deberes e ofrecen esta prestación á práctica totalidade da poboación.

No entanto, nalgúns concellos a porcentaxe é notable. En Dozón, o 29,3 % das vivendas ven afectadas un servizo «inadecuado». En Vila de Cruces a recollida de residuos non é óptima en 337 fogares (9,3 %). En Silleda carecen de recollida de lixos 388 vivendas (6,4) e na Estrada 304 (2,35). En Forcarei, o 99,1 % conta cun servizo «adecuado».