Manuel Pereiro López: «A vaca dá menos leite cos pés mal»

SILLEDA

Miguel Souto

O silledense Manuel Pereiro López é o herdeiro dunha estirpe de herradores, un oficio que foi evolucionando co paso do tempo e que derivou nun labor centrado agora na podoloxía bovina

02 feb 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Manuel Pereiro López (Dornelas, Silleda, 1997) leva no sangue o oficio de herrador que iniciou o seu bisavó «ferrando as vacas e os cabalos que lle traían á casa». Desde entón os quefaceres deste labor inmemorial cambiaron moito, o mesmo que as ferramentas para desempeñala. «Antes tiñamos un potro e a xente da redonda traía as vacas, os burros e os cabalos e ferrábanse». De aí, pasouse, engade, «a ir polas feiras de gando, meu avó ía sobre todo ás de Rodeiro e Lalín, que xa era daquela unha zona de moito gando». Alí xa había poldros instalados que utilizaban os herradores. Eran antes, conta Manuel Pereiro, «potros de madeira cunhas cordas e unha polea e agora son de ferro e hidráulicos», o que permite traballar con moita máis comodidade. Neles entra o animal cun sistema que permite ao herrador acceder ás patas das reses e desempeñar o seu oficio, que agora é máis de podoloxía.

Do seu pai, falecido hai dous anos, aprendeu o oficio. Tras a súa morte colleu a substitución dunha familia coñecida como a Casa do Ferrador de Penaporrín, onde aínda teñen a forxa que usaban para herrar. «Cando meu pai tiña 18 anos, no 78 ou por aí, empezaron a ir polas casas». Na maioría había vacas. Co paso do tempo, o gando foi abandonando eses cortellos e empezaron a primar as explotacións que cada vez son máis grandes e contan cun volume maior de reses. Na zona, esa transformación incluíu tamén o incremento exponencial das leiteiras fronte ás de carne. Antes as vacas «usábanse para labrar, camiñaban moito máis, estaban nas fincas e se lles puñan unhas ferraduras de forxa para que non gastaran o pezuño». Ao pasar ás granxas, o ambiente é máis húmido, golpéanse entre elas e apareceron enfermidades como dermatites, cancro de uña, úlceras, que derivaron nunha evolución do oficio.

«Se unha vaca ten mal os pés produce menos leite», apunta. Ese axioma incuestionable fai que as explotacións demanden tratamentos preventivos do gando para asegurarse de que as vacas camiñan de forma confortable porque se busca o máximo rendemento. Un problema na pata pode facer que «unha vaca que daba 40 litros ao día pase a dar 15».

Manuel distingue entre os tratamentos preventivos que se realizan «cada ano, como mínimo, aínda que se están xa instaurando cada seis meses» e os de urxencia ante un dano nas patas. Os primeiros consisten en cortarlles as uñas, a interdixital e revisar as pezuñas para ver se teñen algún problema e de ser así, tratalo. En moitos casos é necesaria a colocación dun taco que antes se cravaba e agora pégase ao casco da vaca cun pegamento e imprimindo calor cun secador. Esta peza axuda ao animal para apoiarse e a camiñar mellor mentres non cura a lesión. O taco acaba caendo só unha vez que se pecha a ferida e fórmase unha costra.

O ferrado dos cabalos tamén cambiou moito co paso do tempo. Manuel apunta que se antes se elaboraban na forxa as ferraduras «meu pai xa as mercaba, son de ferro doce e amoldábase ao sitio na zafra. É como o talle do pé, hai varios tamaños. En cada cabalo é distinto, pero hoxe mércase e vén todo feito». Aos cabalos, sinala, «tes que buscarlles un aplomo».

Útiles

Úsase un poldro, unha radial específica con coitelas intercambiables; legras (coitelos curvados que serven para escarbar na pezuña), tacos, pegamento, un secador e material para tratar cada patoloxía.