Silleda achegará 1.500 euros para comprar comida para refuxiados no Sahara

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

06 feb 2021 . Actualizado ás 22:59 h.

O Concello de Silleda colaborará de novo no 2021 coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps). A suspensión do programa Vacacións en Paz xa o pasado ano debido á pandemia obrigou a reformular o destino das axudas. No caso silledense repítese a mesma contía de 1.500 euros que achegaba no seu momento para custear a viaxe de nenos dos campamentos de refuxiados a pasar os meses estivais con familias trasdezanas. Agora o diñeiro irá á compra de alimentos para as persoas que viven nos campamentos alxerinos de Tinduf.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Ángela Troitiño, destacaba onte o traballo que realiza Sogaps, lamentando que por segundo ano consecutivo non se poidan traer nenos para pasar o verán «alonxados das duras condicións de vida do deserto». A xunta de goberno local aprobou esta semana asinar o convenio coa asociación para facer esa achega de 1.500 euros. Ademais, o Concello colabora nos últimos anos con outras iniciativas solidarias promovidas por Sogaps.