A Banda de Silleda organiza o día 29 o seu festival anual

j. b.

SILLEDA

miguel souto

18 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Día 29 de abril • 17.30 horas • Auditorio da Semana Verde de Galicia en Silleda • A Banda de Música Municipal de Silleda programou xa unha edición moi especial do seu festival. O certame cumpre este ano as súas vodas de prata, contando para a ocasión con dúas formacións musicais invitadas, que tocarán sobre o escenario do auditorio de Semana Verde, ademais de facer os anfitrións. De novo haberá un punto para que as persoas que así o desexen poidan doar de forma voluntaria para o programa Vacacións en Paz, que trae cada ano a nenos saharauís a Galicia.

O XXV Festival de Bandas de Música de Silleda contará como principal formación invitada á portuguesa de Gondomar, que foi fundada en 1863 e que atesoura diferentes premios en distintos concursos, entre eles de ámbito internacional. Participará a Banda de Música de Vilatuxe, que tamén atesoura xa diversos galardóns desde a súa constitución en 1944. O festival comezará ás 17.30 horas e tamén tocará a banda anfitrioa.