
De caste vénlle a este animal, cuxa avoa xa ostentou hai uns anos o título, aínda que representando á provincia da Coruña
28 jun 2025 . Actualizado á 16:22 h.Boneca proclamouse onte Miss Vaca 2025 no mediático certame que organiza cada ano a TVG e que levanta paixóns. O animal, que cumpre 5 anos en agosto, e anda polos 1.100 quilos de peso coroouse no programa Luar como a máis bonita de Galicia. A súa propietaria, Tamara Sobrado, mostrábase onte orgullosa dun título que a provincia de Pontevedra consegue por segunda vez na súa historia. E nos dous casos, a vaca coroada foi de Rodeiro. Dáse tamén a casualidade da vez anterior o título foi para Bruno López García, veciño de Tamara e tamén de Negrelos con Rubia.
Tamara Sobrado destacaba hoxe da experiencia o cariño recibido e o apoio tanto do equipo televisivo como do público e dos veciños e familiares que lle acompañaron ao programa. Foron moitas horas no estudio. «Chegamos sobre as 18.00 horas e regresamos de madrugada», conta. «Menos mal que as catro vacas que concursaban eran todas moi tranquilas, porque é moito tempo». No seu caso, empezou a preparar a Boneca pola mañá, pero tras tanto tempo «a nosa, e supoño que todas tiñan fame, a nosa quíxose comer a coroa», comenta. De feito, durante o tempo que estiveron no escenario adornado cunhas alpacas, acabaron desfacendo parte dunha e comendo as catro un pouco, conta Sobrado.
«Nada máis acabar, a nosa saíu pitando para o camión porque xa quería irse a casa», explica. Cando chegaron a Barbeitos, en Negrelos, onde vive, «foi soltala e irse directa ao silo para comer». No concurso, a cor clara da pel de Boneca e a súa porte chamou a atención. Como estrela que é, «houbo moita xente que se veu a sacar fotos con ela». A súa avoa, Blanca, que debe o seu nome tamén á súa cor, «era moi parecida á súa neta e en catro ou cinco anos igual podemos ter no concurso á filla de Boneca», apunta Tamara.
O certame serviu tamén para reunir á familia. Tamara comenta que «viñeron a miña avoa e a miña tía da Coruña». No concurso contou coa axuda dun nutrido grupo de amigos e veciños que lle axudaron en todo «e grazas a iso estiven máis tranquila porque sabía que podía contar con eles se había algún problema». En Rodeiro celebran o galardón que devolve a tan cobizada coroa a terras de Deza, e por extensión, á provincia de Pontevedra. Entre elas a do alcalde de Rodeiro, José Luis Camiñas, tamén gandeiro como Sobrado.