Cegoñas de alta tensión en Rodeiro

daniel gonzález alén RODEIRO

RODEIRO

Daniel González Alén

Dúas das parellas fixeron niños na parroquia de Río e a outra no casco urbano cambote

20 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Alúmenos tres parellas de cegoñas teñen niño e crían no municipio de Rodeiro na actualidade, segundo o censo que levamos uns anos elaborando. Dous deles están na parroquia de Río e un terceiro na vila de Rodeiro, tendo desaparecido outros tres na parroquia de Álceme, e cada seu nas de Pescoso e Negrelos. Dos tres niños existentes na actualidade, dous están instalados en senllas torres eléctricas de alta tensión e o terceiro na copa dun carballo.

Dáse o caso que o existente na vila de Rodeiro, estivo nun carballo preto do cemiterio parroquial e a parella preferiu a cima dunha torre eléctrica de alta tensión, non lonxe do anterior emprazamento, con vistas a vila de Rodeiro onde agora ten este niño urbano.

Ou traslado en Río

Tamén as cegoñas de Río cambiaron a copa dun carballo onde levaban décadas aniñando, por unha das torres de alta tensión da liña que dende Chantada vai a Lalín, malia ter protección con ferros para evitar que aniñen. Hai anos unha das cegoñas que tiñan o niño nunha torre desta liña de alta, electrocutouse provocando un corto circuíto que deixou sen luz varios días a boa parte da comarca. Este ano, pola copa do carballo que deixaron as cegoñas que levaban tempo aniñando nela, tiveron disputa ata tres parellas que sobrevoan na procura de mantenza, este val de Camba que atravesan o río Rodeiro e os seus afluentes.

Respecto das outras parellas que tiñan niños no municipio de Rodeiro, as dos tres niños que chegou a haber na parroquia de Álceme, feitos amais de senllas arbores, buscaron outros emprazamentos, cando paisanos as chimparon. A parella do niño de Pescoso que estaba nunha das chemineas da Casa Achacán dedicada a hostalería, causaban molestias e danos aos donos da casa , polo que foi desfeito rematada a cría anual, obrigando a parella a mudar de aires. O de Barbeitos en Negrelos, estaba nun poste que servía para o subministro da luz e o alumeado publico, ata que o pasado inverno o levou o vento, poida que tivera podrecidas as ramas logo de varios anos. As cegoñas, sempre rodeadas polas pegas rabilongas, que seguen no lugar, marcharon sen que os veciños saiban dar razón do rumbo que colleron.

Dende hai case cincuenta anos en que arribou a nosa comarca a primeira parella de cegoñas, daquela na parroquia lalinense de Cercio, o censo destas aves non para de medrar e na actualidade temos catalogadas 25 parellas noutros tantos niños sendo o municipio de Silleda con 18 o que máis conta, constituíndo unha verdadeira meca para as cegoñas da comarca de Deza.

O resto das parellas destas aves repártense entre outros tres concellos de Lalín con catro, Rodeiro con tres e Agolada con unha, sen que teñamos constancia da existencia de niños en Vila de Cruces, onde anos atrás houbo un nun guindastre de obra no casco urbano e no de Dozón, onde non temos rexistrado ningún ata o de agora.