Rodeiro ultima un orzamento para este ano que rolda os catro millóns de euros

La Voz LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

03 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O grupo de goberno de Rodeiro traballa na elaboración do orzamento municipal deste ano que roldará os catro millóns de euros, O tenente alcalde, Alberte Lamazares, explica que xa está pechado o capítulo de ingresos e eses días o grupo de goberno ultima o peche da previsión de gastos.

A idea é convocar en breve un pleno extraordinario para a súa aprobación. Serán uns 3,8 millóns de euros dun orzamento que substituirá ao anterior, do 2017, co que os goberno do PP primeiro e agora do bipartito levan traballando prorrogado desde entón.

Lamazares sinala que ese era de 2,7 millóns de euros, unha cifra que quedou obsoleta dun orzamento prorrogado tanto tempo e co que se facía difícil traballar.

No capítulo de ingresos non se produciu ningunha subida de impostos, excepto a do ICIO pensada para os proxectos eólicos e que só gravará obras millonarias como as deste tipo.

O vindeiro luns, ás 12.00 horas, celébrase un pleno ordinario no que se debaterán tres mocións do PP pedindo que se revogue a paralización da cuarta fase do edificio polivalente, que se reactive o Rodeiro de Tapas e que se compre unha parcela para ensanchar un viario en Toiriz.