A orquestra Olympus imprime ritmo á noite festiva en Rodeiro

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

BASILIO BELLO

A charanga Mil9 percorrerá as rúas, os bares e amenizará a sesión vermú

20 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Onte pola tarde a Orquestra París de Noia estaba montando o escenario no actuou na que sería a primeira verbena das festas de San Vicente de Rodeiro. Unha noite na que estaban previstas ademais, as actuacións dos DJ Carlos López e Marcos Kintana.

Hoxe, proseguirá a celebración coa música como protagonista. Os primeiros en tocar serán os membros da charanga Mil9 que abrirán a xornada cun pasacalles, para despois ofrecer unha sesión vermú. Pola tarde realizarán un pasabares percorrendo os establecementos hostaleiros da localidade.

Pola noite, a segunda das verbenas festivas contará coa orquestra Olympus encargada, xunto co trío Manhattan, de imprimir ritmo á noite. Ás 13.00 horas, na igrexa parroquial, celébrase unha misa solemne. E o domingo, terá lugar outra á mesma hora, seguida pola procesión.

O domingo, a Banda de Muimenta será a encargada de acompañar ao santo no seu percorrido, despois de realizar un pasacalles pola localidade e ao que seguirá un concerto, despois da celebración dos oficios relixiosos. Pola tarde, o programa festivo pecharase cunha exhibición de danza protagonizada por alumnos do grupo de Máisquedanza.

María Moreiras, Sara Villanueva, Sandra Diéguez e Sonia Fernández forman a comisión de festas. Elas foron as encargadas por segundo ano consecutivo de organizar unha programación festiva que agardan que sexa do agrado tanto de veciños como dos visitantes que estes días se suman aos actos en honra de San Vicente, patrón de Rodeiro.

Agradecemento

Pero non hai festa sen recadación, e a comisión expresa o seu profundo agradecemento a todas aquelas persoas que colaboraron e axudando e que xa pagaron as cotas.

A comisión levou a cabo diferentes iniciativas para recadar fondos e poder engadir máis ingresos aos procedentes da recadación, que non acadan para completar o orzamento festivo. Entre elas figurou a venda de lotería de Nadal e de rifas.

A carpa dispón tamén de servizo de bar, cuxa venda, tamén xera algúns ingresos. Con todo será necesaria unha segunda volta do petitorio. As organizadoras destacan o agradecemento aos veciños. A comisión dispón dunha conta en Abanca onde se poden ingresar as cotas.

Este ano agardábanse baixas temperaturas, especialmente na madrugada de hoxe, algo que adoita ser habitual por San Vicente. Nada que non poida remediar unha boa carpa e canóns de calor que, explican desde a organización, garanten que os que gocen dos actos festivos poidan estar resgardados e confortables. As dimensións da carpa deste ano son maiores que as habituais. Son, apuntan, 36 metros de longo, con canóns de calor cruzados para aumentar a temperatura. Iso supón, sinalan, «unhas dúas carpas e media». Haberá sitio para todos os que queiran sumarse a unha das primeiras celebracións do calendario festivo da zona. Unhas festas de San Vicente que practicamente abren as citas e cuxo programa arrincou forte xa coa París de Noia e continuará esta noite con outra das grandes: a Olympus.