Segundo posto en rendibilidade leiteira para as vacas da gandería Casa Grande Padín, de terras de Rodeiro

La Voz

RODEIRO

Cedida

10 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O bo facer dos gandeiros da zona ten o seu reflexo na lista de Conafe. Na das 50 mellores explotacións por índices de mérito económico, que marca as granxas de maior rendibilidade en leite, o segundo posto é para a gandería Casa Grande Padín, situada no lugar de Padín, na parroquia de Arnego, en Rodeiro.

Do día a día, a cargo de a granxa, está Jesús Neto Marcos que achaca o mérito ao seu irmán, José Luis Neto, que se ocupa da xenética e a do nutricionista José Manuel Vidal. Buscan a maior rendibilidade e a clave é a xenética e a alimentación, ao que por suposto, engádense os coidados diarios dos animais.

Un labor de equipo que dá os seus froitos. A explotación familia, que xa era dos pais dos irmáns Neto, conta na actualidade cunhas 500 cabezas das que se ordeñan a diario 240. Jesús incorporouse á explotación no 2004.

A clave do éxito, sinala José Luis Neto, é «saber o que quere cada un». «A granxa é unha empresa», engade e como tal se debe xestionar, defende. «Buscamos rentabilidade e mercamos os animais que nos poden dar unha maior rentabilidade e por iso estamos na lista», indica. «Non escollemos pola proba nacional senón que escollemos pola proba americana pero máis ou menos coincide unha cousa coa outra», matiza. José Luis resalta o traballo do seu irmán Jesús indicando que «nós lle axudamos na xenética e na nutrición, pero el é o entrenador, é o que traballa todos os días e o que leva a granxa». Os primeiros anos estivo á fronte José Luis e as viaxes leváronlle a Estados Unidos onde descubriu «outro mundo diferente e sempre aprendimos cousas novas e as levamos á práctica». Explica que «sempre tivemos un orden e un criteiro para facer as cousas» e este traballo fai, apunta, «que funcione o que facemos. Non é casualidade e o que sae é o que fai que estemos aí e é polo que escollemos e por como seleccionamos os animais», explica.