Editan un libro biográfico sobre a figura e obra de Paco Lareo

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

Non dispoñible

A publicación presentarase o 4 de novembro en Piloño, dentro un outono cultural que inclúe ciclo de artes escénicas

12 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Quen mellor que a súa alma xemelga, a súa confesora e irmá, o seu bastón cando o necesitaba. Quen mellor que Carmen Lareo para glosar as alegrías, as desventuras, a paixón pola arte, polo rural, polo seu forxa, polo seu Solaina... vividas por Paco Lareo. O froito das conversacións mantidas entre ambos por fin ve a luz, once anos despois da morte do artista cruceño, en formato de libro biográfico. A presentación da obra terá lugar o día 4 de novembro, como prato forte da programación de outono deseñada desde a Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño, cun carácter ambicioso e que pretende seguir a liña marcada polo seu fundador «e encher de cultura o rural cruceño e dezao».

A propia entidade encargouse de editar este libro, Paco Lareo, o forxador dos soños imposibles, que recolle esas conversacións a dúas entre Carmen e Paco, sen pretender «máis aló de relatar a vida e obra do artista cruceño, tratar de contar o que bulía pola alma dun Paco Lareo dende a súa nenez ata o seu falecemento fai agora once anos», como remarcaban onte. Pero conta con outros testemuños de interese no artístico e no emocional, porque sempre fixo amigos co seu carisma persoal axuntado á súa capacidade inxente de traballo e a súa calidade creadora. Entre eles o doutro compañeiro de fatigas, Paco Pestana, quen escribiu unhas palabras pouco antes de morrer hai agora dous anos, «precisamente nos mesmos días do ano nos cales Paco deixo a terra dos humanos para achegarse ao ceo dos artistas».

O centro de dinamización cultural e social de Piloño, de todo Deza podemos dicir sen equivocarnos, acollerá ademais en novembro un ciclo de artes escénicas en novembro. Arrincará o día 3 coa participación da actriz trasdezana Cristina Collazo. Mentres, o día 10 haberá un espectáculo onde se recitarán, acompañados por música, os poemas que Federico García Lorca escribiu en galego. O ciclo pecharase o 17 do próximo mes cunha actuación do mago Dani Polo de Melide, coñecido por ter chegado á final do concurso televisivo Got Talent, además de ser uno de los magos que promociona el espectáculo Galicia Ilusiona.

Proxecto da Carballeira

Desde a Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño tamén se colabora coa asociación cultural A Carballeira de Cercio, que inaugurará o día 4 de novembro na parroquia lalinense a exposición

Ou triángulo cultural do Deza

. Nela haberá representación da entidade cruceña.