Cunha fonda gratitude no corazón, hoxe quero lembrar a figura de Hortensia Taboada Cachafeiro, veciña da parroquia de Zobra, tecedora incansable e pandereteira de alma, que nos deixou recentemente. A súa perda énchenos de tristeza, pero tamén de orgullo polo que significou para Lalín e para a nosa cultura.
Hortensia foi moito máis ca unha muller entregada ao oficio: foi gardiana da tradición, transmisora da memoria colectiva e símbolo do valor do rural vivo. Herdou de súa nai o saber do tear e, con el, mantivo acesa unha arte que forma parte do noso patrimonio inmaterial. Pero foi sobre todo a través da música e do baile, como integrante das Pandereteiras de Zobra, que Hortensia se converteu nunha voz esencial da identidade da nosa comarca.
Recoñecida como Lalinense do Ano no 2011, a toda unha vida, e de novo en 2019 xunto a Amparo Dobarro e Celsa Muradás, Hortensia levaba no seu xeito de cantar e tocar a historia dun pobo que segue moi vivo grazas a lembranzas como a súa, que celebra e que se recoñece na súa expresión cultural máis fonda. Foi mestra sen selo, exemplo para xeracións máis novas, e embaixadora orgullosa dunha Zobra que, grazas a ela e ás súas compañeiras, é hoxe coñecida máis alá das nosas fronteiras.
O destino quixo que Hortensia nos deixara neste 2025 tan significativo, no que as Letras Galegas están dedicadas ás cantareiras, e no que o Serán das Letras de Lalín lle rendeu homenaxe ás Pandereteiras de Zobra. É coma se a súa despedida chegara no intre xusto para lembrarnos que a súa voz seguirá soando, porque está xa gravada na historia viva deste concello.
En nome de toda a cidadanía de Lalín, honramos a súa memoria e agradecemos o seu exemplo de dignidade, traballo e amor polo noso. Que descanse en paz, e que o seu legado siga sendo inspiración para todos nós.