O BNG pide a Lalín que declare a caducidade das licenzas da Sareb

R. R. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

07 may 2025 . Actualizado á 21:09 h.

O BNG pide ao Concello de Lalín que declare expresamente a caducidade das licenzas das dúas construcións inacabadas propiedade da Sareb e situadas: unha na rúa Álvaro Cunqueiro e a outra na rúa Nuno Eanes de Cercio esquina coa rúa Maruja Gutiérrez.

Os nacionalistas denuncian a situación destas edificacións e reclaman solucións. Reiteran tamén a petición realizada no pleno do pasado mes de outubro que eses bienes sexan transferidos ao Concello de Lalín con carácter permanente e a título gratuíto para poñelos ao dispor da Xunta de Galicia para a construción de vivenda pública.

Reclaman «un cambio radical na política de xestión de activos inmobiliarios da Sareb, que poña o foco no aproveitamento público das vivendas e terreos dos que é titular, en lugar de destinar ditos inmobles a ser poxados apor fondos de investimento inmobiliario, evidentemente pouco preocupados polo interese público».

Lembran que as licenzas de construción teñen prazo de caducidade de tres anos para a total terminación das obras. O Concello, din, pode conceder prórroga se hai unha solicitude expresa por parte do titular da licenza. Cada prórroga non pode ser superior a ese prazo de tres anos ou non poden interromperse as obras máis de seis meses. Transcorrido ese prazo de caducidade, o Concello, insisten, está obrigado a declarar de oficio a caducidade da licenza, o que a extingue. As dúas promocións, apuntan, poderían chegar a pór no mercado, calculan, preto dun centenar de pisos.