
O presidente da Xunta cifrou en máis de 13 millóns de euros o investimento
07 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.A capital dezana foi escenario onte da firma dun acordo de colaboración entre a Xunta e os concellos de Lalín, A Estrada e Teo para a cesión de tres parcelas para a construción de vivenda de promoción pública. Serán en total 71: 28 na Estrada, 26 en Teo e 17 en Lalín. Aos proxectos de execución destínanse 664.570 euros para unhas obras que, apuntaba onte o presidente do Gobierno galego, Alfonso Rueda, suporán un investimento superior a 13 millóns de euros.
Os tres rexedores xunto con Rueda e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto con outras autoridades, fixéronse unha foto na parcela cedida por Lalín e situada na Rolda Este, no denominado Agro de Lalín de Arriba. Pouco despois, no edificio sociocultural da rúa Rivero asinábanse os acordos de colaboración coa cesión desas tres parcelas que suman un total de 4.078 metros cadrados.
A de Lalín conta con 641 metros para a construción de 17 vivendas. A da Estrada, situada na avenida Benito Vigo e de propiedade municipal procedente do desenvolvemento do Plan Xeral, conta cunha superficie de 1.451 metros cadrados e albergará 28 pisos. A estas súmase un terreo de 1.985 metros cadrados cedido polo Concello de Teo na rúa Cernadelo onde se edificarán 26 vivendas.
O presidente da Xunta agarda que a firma destes convenios de cesión sexan os primeiros doutros moitos, significando que unha das primeiras cousas que lle dixo o rexedor lalinense, José Crespo, á súa chegada é que o Concello de Lalín ten moitas máis parcelas. Tamén o alcalde da Estrada e a súa homónima de Teo agardan que a estes proxectos síganlles outros que incrementen o número de vivendas públicas e axuden a fixar poboación.
Onte saíu a licitación a redacción do proxecto para a construción das vivendas da Estrada cun presuposto basee de 257.083, 28 euros na plataforma de contratos.
A finais de abril o Consello da Xunta aprobaba unha partida de 148.241 euros para a licitación a redacción do proxecto das de Lalín e a correspondente á licitación do proxecto estradense. Para o de Teo, a Xunta destinou 259.225 euros para a redacción do proxecto. Rueda significaba que onte mesmo estaba previsto que saíse a licitación xa a redacción dos tres proxectos, cun prazo de presentación de cinco meses. Calcúlase que no primeiro trimestre do 2026 poderían iniciarse as obras de construción.
Promover o alugueiro
En Lalín, Rueda defendeu a aposta prioritaria da Xunta pola vivenda pública. Destacou a importancia da colaboración entre Administracións para avanzar na construción de vivenda pública en Galicia, un asunto prioritario, dixo, para o Executivo galego. «Ten que ser unha responsabilidade compartida porque a vivenda non é un luxo senón un dereito tal e como recolle a Constitución», remarcou o presidente.
Do obxectivo de 4.000 vivendas que se marcou o Goberno galego neste mandato, dixo, «máis de 2.000 están en marcha» Agradeceu a implicación de concellos como estes tres que puxeron ao dispor parcelas onde poder construír esas vivendas «e que contan con todos os servizos».
Puxo o acento noutras medidas destinadas a promover o alugueiro, unha necesidade que tamén apuntaron os alcaldes. Neste sentido, recoñeceu, como se queixaba o rexedor de Lalín, que «as leis estatais non protexen aos propietarios» e a posta en marcha de medidas por parte da Xunta como «por medios para que os promotores privados constrúan con axudas públicas vivendas para o aluguer, incentivos fiscais en marcha para os que queiran alugar ou queiran facer unha pequena reforma para alugar».
Neste sentido apuntou o esforzo que se está facendo para mobilizar o parque de vivendas existente, cun enfoque especial no alugueiro social e a recuperación de edificios baleiros. Proba dese esforzo é que a Consellería de Vivenda, dixo, triplicou o seu presuposto.
Os alcaldes encomiaron unha actuación que servirá para fixar e atraer poboación
Rueda destacou a importancia destas actuacións de construción de vivenda en concellos medianos que, como no caso dos tres que onte asinaron a cesión das parcelas para a súa construción, están preto de cidades máis grandes e poden atraer residentes. Algo nos que os alcaldes dos tres concellos incidiron especialmente.
Para o rexedor da Estrada, Gonzalo Louzao, a vivenda é un os piares básicos, dixo, para «construir un concello de futuro», asegurando que o que pretendía era que «sexa un concello de oportunidades onde os estradenses poidan verdadeiramente elixir seguir vivindo onde naceron, pero tamén no que non existan atrancos para atraer a novos veciños». Cifrou nunhas 3.000 as vivendas que están baleiras, a realización por parte do Concello dun censo delas co obxectivo de conectar a propietarios con demandantes e ofrecendo bonificacións ata o 50% do IBI.
Para o alcalde de Lalín, José Crespo, «a acción máis pequena vale máis que a intención máis grande», agradecendo a valentía da Xunta pola posta en marcha de iniciativas como esta que agarda sexa a primeira de moitas, algo que tamén apuntaban os seus homónimos da Estrada e Teo. No caso de Lalín, Crespo queixouse das reticencias dos propietarios cos que falou a alugar os seus pisos, cifrando nun máis dun milleiro as vivendas existentes que se poderían arrendar.
A rexedora de Teo, Lucía Calvo, sumábase ao agradecemento á Xunta. Dixo que é a segunda vez que cedían a parcela para vivenda, a primeira co bipartito é foi devolta, apuntou, sen que se fixese nada.