
Por concellos o maior descenso rexistrouse na Estrada con 33 desempregados menos
06 may 2025 . Actualizado á 12:56 h.O paro reduciuse no mes de abril en 80 persoas na zona. Foron 40 menos en Deza e outras tantas en Tabeirós-Terra de montes. Con esta baixada, o número de persoas sen traballo nas dúas comarcas ascende a 2.210. das cales 1.352 achégaas Deza e os 858 restantes, Tabeirós-Terra de montes. Por concellos, o maior descenso produciuse na Estrada, con 33 menos, quedando a conta en 724. Son 3 menos en Cerdedo, con 45, e 4 menos en Forcarei, onde se contabilizan 89 ao peche do mes de abril. En Deza, o desemprego reduciuse en todos os concellos, excepto Dozón que suma un, acadando os 27. Son 74 en Agolada, un menos que en marzo; 829 en Lalín, onde descendeu en dez persoas e 38 en Rodeiro, 15 menos que o mes anterior. En Silleda a conta reduciuse en 13 persoas, con 252 parados e en Vila de Cruces son 2 menos, contabilizándose un total de 132 desempregados.
Na zona, o paro continúa afectando máis as mulleres. Son 1.342, 840 de Deza e 502 de Tabeirós-Terra de montes fronte a 868 homes: 512 en Deza e 356 en Tabeirós. En canto aos parados menores de 25 anos, contabilizáronse 46 en Deza e 24 en Tabeirós, o que fai un total de 66. Por sectores, o de servizos acapara gran parte do desemprego con 1.449 persoas sen traballo; 842 delas en Deza e 607 en Tabeirós. Séguelle moi de lonxe a industria con 283 parados: 189 en Deza e 94 en Tabeirós. Son 167 do sector da construción, 92 deles na comarca de Deza e os 75 restantes en Tabeirós e 113 na agricultura con81 en Deza e 32 en Tabeirós.