Sebastian Andrés e Natalia Fisher chegan líderes da Volta a Galicia BTT á última etapa de hoxe en Lalín
LALÍN

O Desafío Cerne en terras de Melide permitiu constatar que haberá pelexa ata o final na xenerala masculina da Volta a Galicia BTT. Nesta terceira etapa da competición repetía triunfo Sebastian Andrés, do Klimatiza Orbea Team, tras facelo na primeira no Carballiño. A segunda praza foi para Roberto Bou, do mesmo equipo e que gañara este venres a cronometrada semiurbana en Lalín. O terceiro posto foi para Raúl Rodríguez, do Estremadura Ecopilas.
Nesas mesmas posicións marchan os tres «bikers» na xenerala. Sebastian Andrés lidera cun tempo de 6.35:01, mentres Raúl Bou está a só 31 segundos con 6:35.32 e a máis distancia figura Raúl Rodríguez, coas súas 6.44.24. Sen dúbida que a última etapa que se disputará hoxe de novo en Lalín promete ser todo un espectáculo dada as condicións técnicas do trazado e a dificultade engadida das condicións meteorolóxicas, con bastante barro e auga no trazado. Será un percorrido de sesenta quilómetros e 1.400 metros de desnivel positivo, coa Serra do Candán converténdose en xuíz da Volta.
En categoría feminina, en Melide o triunfo de etapa foi para María Reyes Murillo, do Estremadura Ecopilas, seguida por Natalia Fisher, do mesmo equipo, coa terceira praza para Cristina Morán, do Scott-BTB Sport Team. En canto á xeral, salvo sorpresa na esixente etapa lalinense final, todo apunta a que a principal favorita levará o triunfo. Natalia Fisher suma un tempo de 8.02:23, con María Reyes Murillo a bastante distancia, case vinte e oito minutos cos seus 8.30:22, sendo terceira Lara Lois con 8.30:58 e cuarta Cristina Morán, con 8.34:32. Entre elas tres deberíase completar o podio final.
A última etapa de hoxe en Lalín comezará ás 9.00 horas. Será un percorrido con moita esixencia para os ciclistas, máxime tras as tres xornadas acumuladas xa nas pernas nesta Volta a Galicia BTT.