Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

A redución de consumo eléctrico en Lalín coa ESE de edificios municipais sitúase xa no 30%

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

18 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

En pouco máis de sete meses o aforro en consumo eléctrico nos edificios municipais de Lalín que xestiona desde setembro a UTE integrada por Electrotecnia Monrabal e FC Norte Global Casa de Framiñán, a través dunha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE), sitúase xa no 30%. Desta forma practicamente acada o 33% fixado no acordo de adxudicación dun dos contratos máis caros do Concello, que terá vinte anos de duración e un custo conxunto de máis de 28 millóns.

O edil de Servizos, José Cuñarro, incidía onte en que esa redución prodúcese tras o cambio de luminarias que segue en marcha nos 108 edificios municipais que xa xestiona a ESE. En canto a datos cuantitativos, se en agosto do pasado ano —o último antes de iniciarse a prestación pola UTE— o consumo era de 2,8 gigavatios. No contrato estimábase no primeiro ano, é dicir en setembro do 2025, rebaixar o gasto de enerxía eléctrica ata os 1,9 gigavatios, cifra que xa case está conseguida. Hai que lembrar que o obxectivo final prevé situalo ao redor dos 1,5 gigavatios tras completar o cambio de luminarias e elementos de consumo de luz por outros máis modernos, así como tecnoloxías de baixo consumo.

A UTE adxudicataria do macrocontrato segue un procedemento común en todas as instalacións, cunha análise do uso de enerxía en cada edificio e a introdución de cambios de funcionamento para reducir o gasto eléctrico. Entre outras medidas pode aplicar axustes horarios ou modificar consignas de temperaturas interiores ou dos propios equipos e axustes no sistema de control.

No caso da casa do concello a recuperación do control xa que antes funcionaba con sistema propietario resultou relevante para poder solucionar avarías, controlar horarios e optimizar o gasto enerxético dos equipos. Na actualidade a UTE xa está en disposición de controlar case todas as CUP de subministracións, para optimizar contratos de subministracións con axuste de potencia. E xa acometeu gran parte do cambio de luminarias, incluídos a maior parte de locais sociais.