De edificios enteiros a casas encostadas en venda no centro urbano de Lalín

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rocío Ramos

O abano de prezos é variable, pero a maioría necesitan unha reforma

18 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

No mercado inmobiliario, á hora de comprar, a localización é o primeiro a ter en conta. Despois virán outras premisas, empezando polo espazo e é que localización e número de metros son determinantes na valoración dun inmoble. Logo haberá que ver outras cuestións desde o estado no que se atopa, a distribución, os servizos cos que conta e un longo etcétera.

O que si está claro é que á hora de buscar unha vivenda, os espazos máis céntricos son os máis valorados. E se ademais podemos sumar un xeneroso número de metros, mellor que mellor. En Lalín, pese ao bum da construción e un desenvolvemento importante durante as últimas décadas, na actualidade aínda se poden atopar no mercado casas á venda que ofrecen, con esixencia de reforma previa, iso si, a posibilidade de contar cunha casa independente, o que supón contar con máis metros que un piso, e evitar a molestia de ter veciños amais ou debaixo.

Algunhas destas casas levan xa moito tempo no mercado. É o caso do edificio da rúa Joaquín Loriga que fai esquina coa Observatorio e en cuxo baixo se situou unha oficina bancaria e, antes diso, a soada cafetería A Marquesiña, como era coñecida esta parada obrigada dos autocares que cruzaban o centro urbano. Nestes momentos pódese adquirir por 272.500 euros. Son cinco cuartos, polo menos, tres baños e a frienta de 622 metros cadrados repartidos en catro plantas. A primeira cunha vivenda, a segundo con dúas; un soto de case 131 metros cadrados que foi local de hostalería e o baixo que dá á rúa Joaquín Loriga.

Ao seu lado, véndese unha casa de catro pisos de 11 cuartos e 400 metros cadrados por 275.000 euros cuns 75 metros cadrados por planta, local comercial e soto. A venda é do portal esquerdo. Os pisos, recóllese no anuncio, necesitan unha reforma completa.

No corazón de Lalín pódense atopar outras propiedades co cartel de «vendar». Unha delas é a casa cuxo baixo albergou o comercio de teas A Moda, no barrio dA Cacharela. En pleno centro, na rúa Joaquín Loriga, sobrevive unha vella casa unifamiliar de pedra que conta, segundo o anuncio que se pode ver en varios portais inmobiliarios, con 254 metros cadrados. O seu prezo é redondo: 100.000 euros, por un pedazo do corazón do centro urbano lalinense.

Máis lonxe do centro, na rúa do Rodo véndese a 190.000 euros unha casa encostada cunha superficie de 451 metros cadrados. Na mesma rúa atópase outra casa á venda por 160.000 metros cadrados, 6 cuartos, dous baños e 240 metros cadrados. Tamén no centro, non moi lonxe da Praza de Abastos atópase á venda unha casa encostada de 171 metros cadrados que se ofrece a un prezo de 100.000 euros. A estas engádese un inmoble singular que leva moito tempo buscando dono na rúa Castelao polo que os propietarios piden 170.000 euros. Para os que prefiran algo máis espazoso, atópase á venda o esqueleto de toda unha urbanización. Un edificio preto da rúa Areal. Son 3.405 metros cadrados por 704.000 euros.

O luxo de vivir nun chalé no centro da Estrada por un prezo de 710.000 euros

Na Estrada, aínda que a diferenza de Lalín, o desenvolvemento inmobiliario estivo anos parado por culpa do PXOM, no mercado pódense atopar, do mesmo xeito que na capital dezana, algunhas casas céntricas sobradas de metros e necesitadas tamén, en moitos casos, de cariño.

O luxo de vivir nun chalé na avenida Benito Vigo fronte á Praza Mayor da Estrada ten un prezo: os 710.000 euros que piden por un inmoble construída con perpiaños de granito que conta con sete cuartos e 495 metros cadrados.

Por algo menos, 420.000 euros, pódese atopar unha casa encostada de 8 cuartos, catro baños, 500 metros cadrados, aos que se suma un terreo de 600 metros cadrados situada no centro urbano estradense. Os que prefiren inmobles con máis carácter poden decantarse por unha casa antiga con encanto que mantén elementos arquitectónicos orixinais.

A edificación ten unha superficie de 400 metros cadrados e un prezo de 260.000 euros. Na rúa Ulla atópase outra casa de pedra de 6 cuartos, dous baños, 350 metros cadrados e 230 metros cadrados de terreo, á venda por 220.000 euros. Conta cun baixo comercial e dúas plantas, así como unha baixo cuberta sen acondicionar.

Na rúa San Paio está á venda unha casa encostada por 120.000 euros. Foi construída en 1959 conta cunha fachada con galerías e un patio traseiro, así como unha cheminea nun amplo salón, pero necesita unha reforma completa. Tamén na Estrada, na zona da rúa San Paio, atópase unha casa de 170 metros cadrados, á venda tamén por 120.000 euros.