Unha empresaria con coraxe, que apostou pola internacionalización

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rober Amado

A pesar de entrar no mundo empresarial con 43 anos, conseguiu posicionar ao grupo empresarial entre os mellores no seu sector

02 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Conmoción e pesar en Lalín ao coñecerse o falecemento onte de Concha Penas Rey, actual conselleira delegada do Grupo Vilariño. Unha empresaria que será lembrada polos seus dotes de traballo, pero tamén pola súa proximidade e amabilidade. Unha muller con garra e coraxe que se iniciou no mundo empresarial con 43 anos, «e sen idea ningunha», apuntaba nunha entrevista publicada nestas mesmas páxinas no ano 2019 despois de recibir o Premio Autónomos Distinguidos 2018 en recoñecemento á traxectoria empresarial do grupo que rexentaba.

A vida de Concha Penas non foi un camiño de rosas, segundo contaba por aquel entón, pero os seus fillos Jose e Diego foron o seu motor para saltar calquera fochanca que houbese no camiño. Con eles puxo os cimentos do Grupo Vilariño no ano 2003, con sede na súa Cercio natal, para posteriormente no 2019 abrir o Centro de Negocios, situado no Polígono Lalín 2000, «que terá alugueiro físico de despachos con todos os servizos para os que precisen dispoñer dun local desas características, e contar tamén con oficina virtual para autónomos ou pequenas e medianas empresas», explicaba pouco antes de inauguralo. Anos de dificultades, sacrificios e traballos que deron os seus froitos, logrando empregar a máis de 2.000 persoas e pechar unha facturación de 42 millóns de euros no exercicio 2018, executando obras en Europa e Latinoamérica ao entender Concha que o futuro empresarial estaba na internacionalización.

E non se equivocou. O grupo empresarial enfocado no mundo da construción, especializado en sectores de Obra Civil, Edificacións e Urbanizacións, está presente en España, México, Guatemala, Colombia, Portugal, Eslovaquia e USA. Recentemente acaba de rematar a súa participación no Sector 3 do Nó de Bergara, unha infraestrutura dentro do desenvolvemento da Alta Velocidade Vasca, a ampliación do aeroporto internacional de Porto Escondido, en Oaxaca de Juárez (México), e o tramo Tepic-Compostela, parte da autoestrada Jala-Compostela-As Varas no estado de Nayarit, tamén en México.

A Concha Penas quedaban moitas obras por supervisar, e horas que compartir coa súa familia, os seus fillos Jose e Diego, noras e os seus netos Xoel, María José, Diego, Manuel, Pedro e Alejandro que a seguirán lembrando. Falecida onte, aos 66 anos, está depositada no Velorio O Deza (Lalín), onde se suceden as mostras de pesar como a da Asociación de Empresarios de Deza, e o seu funeral terá lugar hoxe martes ás 18 horas na igrexa parroquial de Cercio.