Dez anos sendo responsable

Manuel Carbón

LALÍN

20 ene 2025 . Actualizado á 20:16 h.

Hai ciclos na vida que sabes que chegan ao seu fin, e ao meu como responsable local do BNG de Lalín, chegoulle a hora. Entrar no BNG, en Lalín, e en 2015, nos peores momentos da organización, tanto a nivel local como nacional, podíase definir perfectamente como un acto de irresponsabilidade ou de masoquismo, pero pronto descubrín que as apariencias distaban moito da realidade.

Era ese BNG de Lalín de 2015 unha organización moito máis pequena que agora en 2025, pero chea de xente grande, moi grande. E quero comezar lembrando aos que xa non están como son Sucasas e Menfis. Persoas que dunha maneira ou outra marcaron o meu período de responsable local e que seguirán marcando de por vida, a miña militancia no BNG. Manoliño de Vilanova, Lupe, María Xosé, Amado, Paco,... Podo encher este artigo con nomes de persoas que fan do BNG o partido «máis grande» de Lalín. Grande en traballo, en dedicación, en principios, en moralidade e grande, sobre todo, en amor desinteresado por Lalín e por querer cambiar o noso Concello.

Estes anos de responsable local están cheos de erros e algún acerto tamén. Ninguén pode dubidar que, a nivel de traballo, o BNG é a principal oposición ao Partido Popular en Lalín, e nese sentido, o gran culpable é Paco Vilariño.

Queda moito traballo; eu seguirei traballando como militante para construír un BNG de Lalín aínda máis forte, lle pese a quen lle pese, con humildade e ca verdade sempre por diante. Estou convencido de que estamos no bo camiño para, o día de mañá, gobernar este Concello e darlle aos lalinenses e as lalinenses, o Lalín que merecen.

Como se di coloquialmente, agora baixo ás trincheiras. Seguramente ese sexa o meu sitio natural, pero tamén é o sitio onde vou dar máis guerra. Viva o BNG e viva Lalín!.