0003_202405D26C3991

Félix Rattia Aponte: «Fun policía en Venezuela, fixen cursos co FBI e a DEA e aquí tiven que empezar de cero»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel souto

Só puido convalidar o seu Bacharel pero segue estudando e reinventándose cun ciclo de FP co que xa está a facer prácticas nunha empresa

27 may 2024 . Actualizado ás 11:31 h.

Deixar toda unha vida atrás e empezar de cero sempre é difícil. É algo que os galegos de moitas xeracións sufriron en carne propia ante a necesidade de emigrar, en moitos casos a países como Venezuela ou Arxentina, onde os descendentes dos nosos paisanos son lexión. A mala situación política e económica de Venezuela fai que nestes últimos anos a moitos cidadáns deste país non lles quedou outra que facer esa viaxe á inversa.

Félix Rattia Aponte naceu en Caracas, ten 57 anos e unha vida feita en Venezuela conseguida con anos de traballo e tesón, Alí, explica, «era policía e xa estaba xubilado desa profesión e tiña unha empresa». O 3 de decembro fará tres anos que chegou coa súa familia: a súa muller, os seus dous fillos de 27 e 20 anos e o seu neto César que é «o tesouro» do seu avó e a alegría de toda a familia. En pleno inverno, o frío de Lalín e a choiva non foron a mellor carta de presentación. A chegada foi dura e recoñece que me houbese ir de volta a nado».

O que lamenta é que todos os estudos que realizou ao longo da súa vida, aquí son papel mollado e non lle serven, Non puido convalidad ningún salvo o Bacharel e o que máis lle pesa é que toda o seu formación non se valore. Explica que «fun policía da científica, da xudicial investigando homicidios, perfilando drogas, fixen cursos importantes co FBI e a DEA e sinto que podo dar máis de min, pero aquí iso non me vale de nada. Dicíanme que só podería traballar de vixiante, e tiven que empezar de cero». Algo que é especialmente duro á súa idade «porque ti xa tiñas unha vida feita, unha bagaxe detrás e tes que deixalo todo. É demasiado duro». Como calquera emigrante que chega tivo que lidar coa burocracia. «Vas aprendendo pero todo se fai costa arriba, que se o permiso de traballo, que se o carné de conducir, como que levas sobre o lombo tantas cousas, que se a non lle dixesen todo xunto... pero hai que ir aprendendo as cousas aos coñazos como lle din alá».

En Venezuela entrou na Policía Xudicial con 25 anos e estudou a carreira de Técnico Superior Universitario «e fixen carreira alí». Xubilárono da policía no 2014 e «montei unha empresa de seguros. A situación foi empeorando e de 14 empregados pasei a dous. Tiña unhas leiras, investín nunha cochinera e todo ía para abaixo porque non había penso, non había alimento e logo chegou a peste porcina e tiven que incineralos a todos». Na policía traballaba perfilando drogas, homicidios e comenta que «hai tal grao de delincuencia que é horrible, Algunha fin de semana cheguei a cubrir 150 mortos nunha noite, máis que nun bombardeo dunha guerra».

Pese ao revés dos problemas e o difícil que resulta homologar os estudos, sobre todo, como no seu caso que en España non exista un equivalente exacto á carreira e os estudos que realizou en Venezuela. Cre que «o único xeito de evolucionar e que che vexan é que che prepares e estudes». E con esa idea e sen pensarllo dúas veces apostou por continuar formándose como a única forma de seguir avanzando. Tocou reinventarse e nestes momentos está realizando unha Formación Profesional Superior de Construcións Metálicas no IES Laxeiro. Leva xa dous anos e está facendo as prácticas traballando nunha empresa do Carballiño onde constrúen as torres dos aeroxeradores. O ano que vén «me gradúo», comenta. A mala combinación do transporte público que lle obriga a ir e vir desde Ourense facendo a ruta do Carballiño-Ourense-Lalín e viceversa. Por iso é polo que durante a semana quede no Carballiño. Aínda que non ten nada que ver co que teña feito antes, Félix Rattia está contento e asegura que lle gusta construír cousas e explica con paixón como se chegan a facer as torres completas partindo dunhas simples láminas metálicas. O que peor leva é estar só durante a semana e estraña á familia e sobre todo ao seu neto «que me chama acotío para preguntar cando volvo». Félix destaca que «así como sinto no meu ser que o meu fogar é Caracas, estando en España, sinto na alma que o meu fogar está en Galicia e que Lalín é o meu fogar».

En busca de tranquilidade e un futuro mellor para todos

Mirando cara ao futuro, o seu soño sería verse dentro duns anos «traballando, cun bo emprego, cun piso propio e un carro» ou «poder ter unha caravana para poder pasar as fin# de semana» lembrando que en Venezuela os pasaba na praia e poder vivir con tranquilidade sen estar a se medir e pendente «de se falta un euro».

Cando un deixa a súa casa e o seu país bota moitas cousas de menos, pero sempre se gaña algo. No seu caso, do mesmo xeito que o de moitos dos seus paisanos, a tranquilidade de poder andar pola rúa dunha forma moito máis despreocupada. É algo ao que supomos costa acostumarse ao principio e Félix conta que unha noite chegou a pegarse un susto e cando viu que unha persoa camiñaba detrás del. «Viña atrás e pensei que me ía facer algo, pero aquí isto non pasa». Ao final desculpouse co que resultou ser un transeúnte inofensivo, pero no momento, a situación volveulle a espertar as vellas alarmas.

No Carballiño, onde reside toda a semana, ten alugada un cuarto, «o outro día deixeime o teléfono no supermercado. Ao cabo dun intre regreseime para preguntar e alí estaba. Iso en Venezuela non pasa», apunta. Asegura que en Lalín «podo dar fe de que me trataron ben e non dei con malas persoas. Alá onde vou, fago amizades e tratáronme moi ben». Ten amigos que confían nel para supervisar e axudar na seguridade de probas deportivas e campionatos e compaxina a súa formación cos traballos que se atopa xa sexa descargar un camión ou todo o que poida para soster á familia. Conta que traballa desde que tiña 16 anos e antes de entrar na policía «traballei en moitas cousas».

Aquí sente que «podo dar máis» e dóelle non poder utilizar toda a súa experiencia e os seus coñecementos que constitúen toda a vida que se labrou e que se viu obrigado a deixar atrás.

Bota unha man como voluntario de Cruz Vermella dando clases de informática

Cando lle falou daqueles galegos que emigraron hai décadas e que chegaron a Venezuela co posto, Félix resalta que «emigrar non é doado, pero temos unha vantaxe e é que agora emigramos en avión e temos un pouco de máis poder económico e algo de diñeiro para pasar os primeiros meses». A súa ascendencia é italiana, é deste país de onde procedía o seu bisavó ou algún antepasado máis afastado e os seus apelidos, e ten familia en Sevilla. A Lalín chegou por medio doutras amizades e conta que despois de «pescudar e pesquisar, ver como era o sistema de vida, os alugueiros... e gustoume Galicia porque se asemella a unha zona de Venezuela que é Mérida». Cando de trasladou, apunta, «logramos alugar un piso e chegamos á rúa B». Conta que «fun moi ben atendido polo Concello de Lalín, polo traballador social, por Cáritas e Cruz Vermella» e desde hai dous anos é voluntario de Cruz Vermella como un xeito de devolver a axuda que recibiu no seu momento e botar unha man. «Dou clases de informática aos maiores», engade.

Cambio de vida

A súa filla, de 27 anos, tamén tivo que cambiar de vida. «É licenciada en Aduanas e Comercio Exterior. Ten un diplomado e unha especialización en Venezuela e ela alá era fiscal de rendas e tiña un bo cargo. Aquí traballa no restaurante Cabanas», conta o seu pai. Félix só ten eloxios para o trato que dispensan á súa filla e apunta que a teñen case adoptada, só lles faltaría que lles asine os papeis», chancea. O seu fillo ten 20 anos e está a estudar.

En Venezuela, Félix tiña terras e os seus fillos «criáronse no campo. Tiñamos algunha vaca, cabalos, sementados de plátanos e faciamos queixo llanero». Aquí, afirma, «ou fago queixo porque o de alá non é igual que o de acá». Cre que o seu fillo o terá máis doado ao estudar xa en España porque senón pasaríalle o que lle pasou a el e a moitos outros «que es tal cousa pero chegas aquí e non es nada. Os estudos non valen e se valésenche pasaría moito tempo ata poder facer algo», afirma. O seu neto, que chegou con tres anos, xa ten seis e di o seu avó que «xa esta todo galleguizado e corríxeme cando falo». César non se separa do seu avó e Félix goza da infancia do seu neto e duns anos que sempre pasan demasiado. Os dous pasean polo Pontiñas para ver os cabalos, van ao parque e xogan xuntos.