«Os caladoiros son máis pobres, vendes menos e temos máis papeleo»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Os peixeiros quéixanse das dificultades para manter os seus negocios

25 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Os autónomos que están a cargo das peixarías da zona quéixanse de que coa subida de prezos e a baixada das vendas cada vez costa máis manter o negocio. Unhas dificultades ás que se suman o inxente crecemento da burocracia que lles supón horas de traballo e diñeiro.

En Lalín tras o recente peche de Pescadeza, quedan xa só tres peixarías fóra dos postos que posúen os supermercados. Na Praza de Abastos só resiste nestes momentos un posto de peixe. Isabel Cacheda conta que «nós vamos á lonxa a Marín de toda a vida e antes íamos tamén a Vigo». Do mesmo xeito que moitos outros autónomos dedicados á venda de peixe «as catro da mañá toca levantarse». Quéixase de que «véndese pouco». Os profesionais do sector sinalan que os caladoiros cada vez son máis pobres e é un problema que afecta a todo o mundo, non só ao noso país. Cacheda laméntase porque «marisco de concha non hai xa casi».

Agustín Cadillo, de Peixes e Mariscos Bomar, leva toda a vida no mar. Ten sete negocios activos, un deles desde o 2019, que non é outro que Peixaría Abel de Lalín. Conta que «nós movemos un montón de quilos e quédanos o xusto». No seu caso compran o 90% do peixe en Ribeira e o resto repártese entre outras lonxas dos arredores, desde Cambados a Burela.

Está de acordo coas esixencias sanitarias cada vez maiores. Cre que son necesarias e que debería haber máis control para evitar a venda por parte dos furtivos, especialmente aos restaurantes. Do mesmo xeito que os seus compañeiros reciben numerosas inspeccións e, no seu caso, dispoñen dunha empresa externa que lles leva a papelada.

Á pregunta de cales son as esixencias en materia de burocracia, os profesionais do sector coinciden en que é unha lista interminable. Ningún saca de móbil para enumerar unha relación que inclúe controis de temperatura diarios da cámara, listaxe de mantemento, parte de incidencias, de mantemento, o mesmo dos equipos, da limpeza ou de pragas, control da calidade da auga, rexistro do lixo, plan de trazabilidade do número de lotes e provedores..... Ao final, explica Diego Baca da Peixaría O Italiano, «son dúas horas de traballo que se supón que tes que ter feito antes de abrir. E eu abro ás 7.30 a peixería e as 3.30 ou 4.00 da mañá salgo para a lonxa». A isto súmanse os controis fixados relacionados cos envases e que traen de cabeza aos pequenos empresarios que se atopan con ter que realizar a mesma papelada que unha empresa grande e que ás veces se atopan con disposicións que non están nada claras ou que non se especifican.

En materia de envases, Cadillo poñía como exemplo a detección nunha inspección dunha bolsa pechada cun nó que ao afectado supúxolle unha multa porque que non se especificaba como se tiña que pechar e o inspector deducía que era con grampas. Finalmente a administración deulle a razón, pero a multa non lla quitou ninguén «porque xa estaba tramitada». No seu caso o plan de hixiene realízao unha empresa externa e as peixarías da zona contan cunha empresa que se encarga dos residuos.

A imparable competencia das grandes superficies

Os peixeiros quéixanse da competencia das grandes superficies que, consideran, utilizan o peixe como reclamo e ofréceno mesmo por baixo dos custos. Algún profesional da zona apuntaba que «a min me costa máis na lonxa que o prezo ao que o venden eles». Unhas denuncias que tamén compartían noutros momentos sectores como o leiteiro ou o dos panadeiros que acusaban aos grandes hipermercados de ofrecer algúns destes produtos básicos tirados de prezo coa estratexia de captar clientes e que os que entren acaben comprando tamén outras cousas que si lles supoñen importantes beneficios.

Os pequenos negocios sofren tamén a subida dos gastos, tanto do combustible para ir todos os días a recoller o peixe, ata o do xeo. Contan que «cada vez os marxes son máis pequenos. Vas mantendo a clientela pero os beneficios son menos», indican.

Recoñecen que coas importantes subidas dos prezos, o peixe converteuse xa «nun articulo de luxo». Por iso é polo que no mostrador, os clientes cada vez axusten máis as cantidades que se van a levar a casa e decantar por peixes cun prezo máis alcanzable e un maior rendemento. Diego Baca, da peixaría O Italiano, sinala que nas lonxas se ve tamén cada vez menos pescado e algúns peixes finos teñen cada vez un prezo máis elevado como é o caso do linguado, o rodaballo, a robaliza, o mero ou o ollomol.

Un menor consumo de peixe, sobre todo entre os mozos

Nada como unha peixaría de barrio ou de pobo para pulsar o consumo dos veciños. E en cuestións de peixe, os peixeiros coinciden en que está a haber un menor consumo. Hai quen subliña que especialmente se nota nos máis novos que xa non pasan pola peixaría e elevan a idade da clientela, que maioritariamente son persoas de mediana idade ou maiores, en moitos casos. Para moitos, os mozos apenas consomen peixe fresco e prefiren outro tipo de alimentos. Polo menos, non o compran, din., nestes establecementos tradicionais. Outra cousa é que o poidan consumir na casa se llo atopan na mesa, pero non é un produto que pareza ter tirón entre as novas xeracións, sinalan