0003_202405D24C4993

Aberta a inscrición en Lalín para un novo Campionato de Pesca en xuño

Rocío Perez Ramos
R. Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rocío Ramos

24 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O día 8 de xuño celébrase en Lalín a terceira edición do Campionato de Pesca organizado pola Sociedade de Caza e Pesca de Lalín nos cotos dos ríos Asneiro e Arnego. O prazo de inscrición está xa aberto para as dúas modalidades do certame que se disputarán unha en cada un destes ríos.

Por unha banda, no Arnego, terá lugar un campionato de pesca sen morte a mosca dirixido especialmente aos máis novos, entre os que se atopan os alumnos da escola de pesca da sociedade lalinense. No Asneiro terá lugar o dirixido aos pescadores máis adultos. Serán con morte pero redúcese a cota de capturas á metade e será de tres, no canto das seis por pescador autorizadas por Medio Ambiente. En ambos os casos admítense participantes de fóra e non se esixe estar federados.

O prezo da inscrición, que inclúe unha comida e uns petiscos, será de 25 euros. O último día de prazo para apuntarse é o día 3. As prazas son limitadas e os interesados poden apuntarse na xestoría Planning.

O campionato foi presentado onte polo presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Lalín, José Luis Montoto xunto con Manuel Gil e Antonio García do mesmo colectivo e o concelleiro Pablo Areán. Coa celebración colabora o Concello de Lalín e diferentes empresas que achegan os trofeos que se entregarán aos pescadores.

Pola mañá sortearanse os tramos de ríos entre os participantes que se repartirán en parellas. Pola mañá un deles pescará e o outro realiza o control e pola tarde cambiaranse os papeis de cada parella de participantes. No medio celébrase unha comida de confraternidade no restaurante do Museo Etnográfico Casa do Patrón de Doade onde ao acabar o campionato servirase tamén unha merenda e levará a cabo a entrega de premios. As mangas serán, neste caso de tres horas e media, unha pola mañá e outra pola tarde,. Nestes momentos, apuntaron, os ríos están moi cheos, o que dificulta a pesca.