Pais de Lalín, A Estrada e Silleda deben agardar por praza de gardería

Javier Benito
Javier benito LALÍN, A Estrada / LA VOZ

LALÍN

Miguel souto

En catro escolas infantís A Galiña Azul das comarcas quedan 32 nenos en lista de espera, tras coñecerse a relación provisional de admitidos

07 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A gratuidade aplicada pola Xunta desde o curso 2022-2023 en todas as escolas infantís do territorio galego supuxo cambios nas dinámicas dos pais, incrementándose o interese pola oferta de centros de carácter privado. A pesar dese maior incremento de solicitudes nesta alternativa, constátase que segue resultando insuficiente en determinados municipios o número de prazas para os nenos de cero a tres anos. A Consellería de Política Social daba a coñecer onte, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as listaxes provisionais de admitidos nas escolas públicas da Galiña Azul para o curso 2024-2025. Nas comarcas houbo centros onde os proxenitores non lograron oco e os seus nenos atópanse nunha lista de espera por se se producen vacantes antes de coñecerse a listaxe definitiva.

En Deza e Tabeirós-Terra de Montes son 32 os nenos que quedaron en lista de espera tras cubrirse a cota de prazas solicitadas en catro das sete escolas infantís públicas existentes. Un curso máis onde hai máis demanda que oferta é en Lalín. Ocorre tanto no centro da Galiña Azul do polígono Lalín 2000 como no de Pontiñas. Neste segundo contabilízanse doce pequenos sen praza, todos eles no tramo de idade dun a dous anos. Mentres, nas instalacións do polígono industrial son oito os nenos en lista de espera, no mesmo tramo dun a dous anos.

Na Galiña Azul da Estrada, pola súa banda, computáronse nesta listaxe provisional un total de nove demandantes sen oco polo momento. Desa cifra, unha corresponde ao tramo de cero a un ano, mentres que as oito restantes se refiren ao tramo dun a dous anos. Para rematar, nas escola infantil de Silleda quedaron tres pequenos en lista de espera, no tramo dun a dous anos, que parece ser o que ten máis demanda que ofertan no conxunto das dúas comarcas.

Distribución por municipios

Nesas listaxes provisionais da Xunta, Lalín copa o maior número de prazas nas escolas infantís públicas. Na situada en Pontiñas cóntase con sete nenos admitidos de cero a un anos, dos que seis optaron por servizo de comedor e idéntico número por xornada completa, mentres un terá só media. No tramo dun a dous anos, cubríronse as 25 prazas con maioría optando por comedor e xornada completa, con só catro optando por media. Para rematar, respecto de nenos de dous a tres anos, copáronse as 32 prazas ofertadas, con seis peticións sen comedor e todas a xornada completa excepto cinco con horario só de mañá e un de tarde.

No caso da gardería de Lalín 2000, en cero a un ano son sete prazas, seis a xornada completa e con comedor, e unha a media e sen el; dun a dous anos, cubríronse as 31 prazas, con cinco de media e o resto de xornada completa, mentres que sete pais declinaron servizo de comedor; e de dous a tres anos, cóntase con 28 admitidos, dos que só dous son a media xornada e de tarde, mentres que tres non optaron polo comedor.

Na Galiña Azul da Estrada, de cero a un ano hai sete admitidos, todos a xornada completa e con comedor; dun a dous anos son 26 prazas cubertas, todas con comedor menos unha e maioritariamente a xornada completa, con só tres que optasen por media e en horario de tarde; e de dous a tres anos, das 32 prazas só son catro a media en lugar de xornada completa, en horario de tarde, mentres que unicamente tres non solicitaron o servizo de comedor.

En Silleda admitíronse dez nenos de ata un ano, nove a xornada completa e un só de tarde, o único que ademais non solicitou servizo de comedor; dun a dous anos son 25 prazas, maioritariamente a xornada completa —hai tres só de tarde— e dúas optaron sen comedor; e de dous a tres anos, cubríronse unha trintena de praza, con dúas a media xornada e o resto completa, e catro sen comedor. Pola súa banda, a escola infantil de Vila de Cruces cubriu cinco prazas de ata un ano, a xornada completa e con comedor todas; dun a dous anos, dezanove admitidos, dous sen comedor, con maioría a xornada completa pois só tres optaron por horario de tarde; e de dous a tres anos, vinte admitidos, dous a media xornada de tarde, e tres sen comedor.

Para rematar, na Galiña Azul de Forcarei hai un admitido de ata un ano; dez dun a dous, todos a xornada completa e con comedor; e cinco de dous a tres anos, horario completo e comedor. E na de Cerdedo, un, oito e cinco respectivamente nos tres tramos de idade.

Prazo para posibles alegacións ata o día 13, e o 31 de maio as prazas definitivas

Desde hoxe e ata o día 13 de maio esas listaxes provisionais de admitidos nas sete escolas infantís da zona, xunto co resto das existentes en Galicia, poden consultarse. Nese mesmo período os interesados poderán presentar posibles alegacións ante a Xunta. As listaxes definitivas para a rede pública autonómica Galiña Azul daranse a coñecer o día 31 de maio, unha vez feito o cribado de solicitudes dun mesmo neno para varios centros e de avaliar as posibles alegacións.

Respecto dos horarios, no curso actual son: : A Galiña Azul da Estrada (7.30-18.00 horas), de Cerdedo (7.30-18.00), de Forcarei (8.00-17.00 horas), de Lalín-Pontiñas (8.00-19.30), de Lalín-Polígono Lalín 2000 (7.30-19.00), de Silleda (7.30-19.00) e de Vila de Cruces (8.00-18.00).