Paixón moteira en Lalín

d. c. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

O Motococido concluíu os seus tres días de actividades cun rotundo éxito de participación, incluíndo a visita de Rueda

22 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Durante tres días en Lalín non se escoitaron máis que os ruxidos das motos. Os moteiros tomaron a capital dezana chamados polo Motoclub Quilómetro 0, que organizou novamente a súa concentración internacional: o Motococido. A éxtase desta fin de semana de paixón motociclista chegou o domingo, que a pesar de non contar con tantas actividades como o sábado, alagou Lalín e a comarca dunha marea de moteiros coas súas mellores galas e ganas de pasalo ben.

Entre os moitos afeccionados ás dúas rodas que se achegaron a Deza estivo Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia. Acompañado por outro gran apaixonado das motos, o alcalde José Crespo, gozou de parte da xornada con outros moteiros, comparando máquinas á calor dun magnífico día. Despois das diferentes rutas de estrada e montaña para coñecer os encantos rurais dos concellos de Lalín e Silleda, a tropa moteira regresou á base, situada no centro comercial Pontiñas, para facer o que hai que facer cando un se deixa caer pola capital dezana: zamparse un bo cocido.

Os organizadores cifraron en 370 os comensais deste multitudinario cocido nas instalacións do centro comercial. Nada mellor que compartir este manxar en familia, ideal para repor forzas —pese á calor— e afrontar con enerxía renovada o último concerto da fin de semana, esta vez a cargo de The Botelos.

O motoclub Quilómetro 0 valorou moi positivamente esta edición do Motococido, cunha gran afluencia de público.