Adeus a José Luis Valenzuela,  un dos patriarcas do instituto Laxeiro

j. b. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

20 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Xubilado desde o 2021, acudía con bastante asiduidade ao instituto Laxeiro de Lalín a compartir un café e conversación cos seus antigos compañeiros. A comunidade educativa recibía onte con tristeza a noticia do falecemento de José Luis Valenzuela Senín aos 71 anos de idade. Desde os anos 80 formou do claustro de docentes do centro lalinense, impartindo clases de automoción nos ciclos formativos a varias xeracións de estudantes da comarca.

O exdirector do Laxeiro, Uxío Grande, destacaba onte que era unha persoa moi extrovertida e moi coñecido. Mesmo apuntaba que podía considerar como un dos patriarcas do instituto lalinense, onde permaneceu como profesor durante décadas. Un labor na docencia que compaxinou con tarefas de peritaxe para aseguradoras de vehículos importados do estranxeiro. Gustaba de acudir ao centro a charlar con antigos compañeiros. Asistira á comida de despedida celebrada no 2022 a trece docentes e unha traballadora do instituto pola súa xubilación, nalgúns casos como a do propio José Luis con atraso por culpa da pandemia.

Natural de terras silledenses, José Luis Valenzuela Senín residía en Lalín desde hai tempo. Deixa viúva, ademais de dúas fillas, Jaira e Alba, ademais dunha neta, Alice. O seu corpo está a ser velado na funeraria da avenida Bos Aires. Desde alí sairá a comitiva fúnebre hoxe, ás 16.00 horas, ata a igrexa parroquial de Santa María de Abades, en Silleda, onde será o posterior funeral e enterro no cemiterio.