A indeleble pegada de Paco Lareo

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O artista cruceño recibiu unha emotiva homenaxe coa inauguración dun parque na súa honra no centro de Lalín acompañado por multitude de amigos e familiares

24 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Din que as cegoñas son sinal de bo agoiro. Cinco foron espectadoras de luxo do acto de inauguración do parque en memoria do inesquecible artista cruceño, Paco Lareo, celebrado onte en Lalín. Coma se escollesen a propósito ese lugar para gozar desta asollada mañá de marzo, as aves voaron en círculos durante case toda a homenaxe, quen sabe se ofrecendo o seu particular tributo ao pintor. Uns cantos metros máis abaixo, fronte aos xardíns lindeiros á Casa dá Xuventude, decenas de persoas de diversos concellos, profesións, idades e ideoloxías sumáronse ao recoñecemento público dunha persoa querida e respectada. Unha unión que escenifica perfectamente quen era Paco Lareo e a indeleble pegada que deixou naqueles que lle coñeceron.

A súa irmá, e presidenta da Fundación A Solaina de Piloño, Carmen Lareo, foi a encargada, xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, de descubrir a escultura conmemorativa que preside o parque. A peza, escollida por ela e o xenial Damián Paío, leva por nome As tres grazas, unha composición realizada polo propio Paco Lareo. A base está coroada por unha frase do artista: «Raio de soños e ilusión, trono literario dos muros que fragmentan culturas e civilización».

Antes de comezar os discursos protocolarios, a música foi protagonista cunha fermosa actuación ao violín interpretada por Inara Vecbastika e Carlota Collazo, que tocaron Un longo camiño branco, de Milladoiro, e a Muiñeira de Chantada. Arroupando a unha emocionada Carmen atopábanse o rexedor lalinense, o tenente alcalde de Vila de Cruces, Julio López, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o escritor Xoán Carlos García Porral.

Un espazo que o representa

Aínda que puido conter as bágoas, cada palabra mostraba unha inmensa emoción.«É un dos días de maior felicidade para min, que ao igual que o meu irmán Paco, sentímonos en Lalín coma na nosa casa», afirmou Carmen.

«É unha honra que todos os grupos políticos se unan para agasallar a un home libre de pensamento e que só tiña unha militancia: a de loitar pola cultura no rural. A cultura debe ser así, de todos, unánime e sen divisións», continuou. Asegurou que a elección do lugar para homenaxear ao seu irmán é inmellorable. «Un parque ao carón da Casa da Xuventude. A natureza e os máis novos, as cousas que máis enchían o corazón de Paco. O verde, o aire puro e ensinarlle aos mozos que o verdadeiro arte está en saber escoitar, manter unha conversa cun vello ou outro rapaz, pero sen présa. En saber ler un bo libro, cantar unha canción ou rirse en amizade cun bo chiste», agradeceu. «Estou segura de que Paco virá a este parque todos os días, porque os espíritos libres viaxan a onde queren, incluso dende o máis alá. Terá dúas paradas obrigadas: unha, A Solaina, e dúas, este parque», concluíu.

A propia Carmucha foi tamén recoñecida polo seu esforzo para manter vivo o legado do seu irmán coa Fundación A Solaina. «Un espazo dedicado á cultura que serve como punto de intercambio de ideas, pero sobre todo un lugar que se constituíu como un elemento revalorizador do mundo rural e labrego», declarou García Porral, quen enxalzou a bonhomía de Lareo: «É unha desas persoas que merecen ser escoitadas porque a súa presenza vai reportar so beneficio».

Julio López destacou a «loita día a día» de Carmen para facer que o proxecto de Paco Lareo «estea máis vivo que nunca». Agradeceu ao Concello de Lalín o detalle de homenaxear a outro ilustre cruceño, xa que a 50 metros álzase a estatua do Neno Labrego de Neira Vilas. José Crespo recolleu a luva e tendeu a man para unha homenaxe conxunta á figura de Matemático Rodríguez, de quen se cumpren 200 anos do seu falecemento.

Pola súa banda, Román Rodríguez destacou a principal cualidade do pintor de Piloño. «O seu gran valor é que tiña unha gran capacidade de axuntar vontades. Era un home bo e xeneroso, pero de verdade». Enxalzou a súa figura como referente na dinamización cultural de Deza e Galicia. «Posibilitou facer algo singular non só na comarca, senón no conxunto de Galicia. É un lugar máxico e excepcional polas persoas que canalizan a súa creatividade a través da Solaina. Unha porta á cultura, á alegría, ao respecto é á convivencia», recoñeceu.

O acto foi clausurado pola música de Plácido Rozas, que interpretou coa gaita a Muiñeira dá Solaina e o himno de Galicia.