Unha comedia animada, animalista e verde na primeira produción de Paporrubio

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Luchi Iglesias e Carlos Quintá estrean en Lalín a obra «E entón, un xardín», escrita e dirixida por María Peiteado

19 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Paporrubio estrea en casa, no Salón Teatro de Lalín este próximo venres, a obra E entón, un xardín, dirixida a un público familiar con dúas funcións gratuítas. Unha será ás 12.00 horas para os centros escolares e outra ás 18.00 horas para o público en xeral. Constitúe a primeira montaxe ao grande da firma de Luchi Iglesias , que xunto con Carlos Quintá, quen tamén pon a música en directo, encargaranse de manipular as marionetas. María Peiteado é a autora dos textos, deseñadora da escenografía e dirixe un espectáculo que os seus protagonistas definen como «unha comedia animada, animalista e de cor verde».

María Peiteado explica que «xira arredor da natureza e o medio ambiente». A protagonista, engade, é «unha nena en forma de osiña que descobre un xardín que está esquecido e foi maltratado. Fíxase nunha flor e reviven todos os animais e as plantas que o habitan». Na obra, que crea un universo máxico, os animais reivindican a natureza e o seu hábitat porque coa osita van outros humanos que non ven de igual forma o xardín e s recuperación.

A escenografía parte de , «un teatrillo que é un xoguete escénico»case unha caixa que funciona como «un lenzo en branco que conta con moitas comportas» e que vai descubrindo espazos e contidos para acabar sendo moi colorista. María Peiteado explica que «é unha comedia disparatada que se pon ao servizo da imaxinación dos pequenos, e non tan pequenos, para espertar valores como a empatía, a responsabilidade e o respecto, co fin de instaurar un xerme de cambio, a necesidade dun latir común co mundo natural».

Para esta autora, residente en Ourense que se expón mudarse ao corazón de Galicia, E entón, un xardín pódese definir como «unha aventura nun lugar por descubrir. Unha fantasía extraordinaria sobre estoutro mundo máis xusto, amable e posible que soñamos de cativos».

Os personaxes son marionetas que manipulan Carlos Quintá e Lucho Iglesias e o ritmo, apunta Peiteado, «é moi vivo, con moito ritmo» nun espectáculo que ten unha duración dun total de 50 minutos. Unha parte importante, ademais dunha escenografía a modo de caixa de sorpresas coa marca da fantasía de Luchi Iglesias , a música é unha parte importante da posta en escena. Neste caso contará con música en directo interpretada polo tamén lalinense, Carlos Quintá. O espectáculo, promovido polo Concello de Lalín, contará cun acceso libre e gratuíto ás funcións.