Un terzo da poboación das comarcas supera os 65 anos

D. cofán LALÍN / LA VOZ

LALÍN

E CUIÑA

Os menores de 14 anos aumentan lixeiramente, supondo o 11 %

01 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

As persoas maiores de 65 anos teñen o maior peso demográfico na composición poboacional das comarcas de Deza e Tabeirós. Practicamente un de cada tres habitantes está xubilado, un dato que testemuña o inexorable envellecemento de poboación e a problemática económica e social que iso implica. A actualización das cifras poboacionais de referencia que publicou esta semana o Instituto Galego de Estatística (IGE), con datos correspondentes ao primeiro semestre do 2023, axudan a examinar detalladamente a composición demográfica da poboación da zona.

O primeiro a coñecer é a poboación total. Segundo o centro estatístico autonómico, entre as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes suman 63.354 habitantes. Son 87 menos que o ano anterior e 7.387 por baixo do rexistrado fai unha década. Os habitantes divídense en 40.102 dezáns e 23.252 da comarca veciña. O estudo debulla a cantidade de persoas que viven na zona por quinquenios, desde os 0 a 4 anos ata os maiores de 85.

O número de persoas maiores de 65 anos é de 18.933, o que supón preto do 30 % do total. En cambio, só habitan 6.928 menores de 14 anos. Con todo, esta é unha das dúas franxas nas que se produce un aumento de poboación con respecto aos datos do 2013, sendo 43 menores de idade máis. Este pírrico incremento non supón ningún cambio destacado na pirámide poboacional, que como na maior parte de Galicia, é moi estreita na cima e ancha nos últimos banzos de idade.

Sen substitución xeracional

A poboación de entre 20 e 34 anos é a que sofre un descenso máis acusado. Nas comarcas había 12.497 persoas nesta franxa fai dez anos, mentres que en xullo do 2023 son 8.026. Un descenso de case 4.500 individuos que se explica pola ausencia de substitución xeracional por mor dos escasos nacementos e a emigración dos máis novos en busca de mellores oportunidades laborais nas cidades ou fóra de Galicia.

Menos drástico é o descenso entre os 35 e 49 anos. Actualmente son 13.082, uns 2.100 menos que no 2013. Nesta década, en cambio, aumentou notablemente a poboación de 50 a 64 anos. Son 13.982, 430 máis. Tras os xubilados, supón a franxa de idade máis numerosa, recollendo ao 22 % da poboación comarcal.

No extremo máis lonxevo, o 7 % dos veciños teñen máis de 85 anos. De 90 en diante hai 1.795 persoas, sendo 243 máis que hai unha década.

O número de habitantes de Deza creceu no primeiro semestre do 2023 e pasa os 40.000

O Instituto Galego de Estatística ofrece no seu informe a variación poboacional no primeiro semestre do ano pasado, actualizando as cifras de habitantes por comarcas. Entre o grupo de comarcas que aumenta a súa poboación en xullo do 2023 atópase Deza, que pasa de 39.943 a 40.102 habitantes nos primeiros seis meses. Un incremento de 159 habitantes, que supón unha taxa de variación do 0,40 %.

Neste sentido, Deza sitúase como unha das catro da provincia de Pontevedra que aumenta poboación (O Condado, Pontevedra e Vigo). A nivel autonómico é a décimo cuarta da vintena que crece en veciños, porcentualmente este incremento está por amais de áreas moi poboadas como as da Coruña, Vigo e Lugo.

A Estrada ten máis menores de idade, pero Lalín segue sendo menos envellecido

Os principais polos económicos e sociais das comarcas, A Estrada e Lalín, contan cunha pirámide poboacional moi similar. Entre ambos hai pequenas diferenzas que, á súa vez, permiten constatar a realidade socioeconómica de cada municipio. En primeiro lugar, Lalín está menos envellecido. Non é unha diferenza extraordinaria, pero apréciase especialmente na poboación de mediana idade.

No entanto, cos datos do IGE a 1 xullo de 2023 observamos que o concello estradense ten máis persoas de entre 0 e 14 anos, 2.232, mentres que a capital dezana suma 2.197. Con todo, no resto das franxas de idade ata os maiores de 65 anos, Lalín concentra máis poboación. Entre 20 e 34 anos A Estrada suma 2.558 e Lalín 2.883. No caso estradense supón o 11 % da poboación e no lalinense máis do 14.

De 35 a 49 anos, Lalín rexistra 4.467 veciños (22 %). Por contra, A Estrada 4.161 (20,7 %). As forzas vólvense a igualar a partir dos 50 anos e ata os 54. Son o 22,3 % das persoas que viven na Estrada (4.479) e unha porcentaxe moi parecida en Lalín (4.525). Finalmente, a partir dos 65 anos o municipio de Tabeirós suma máis habitantes (5.856) que de Lalín (5.334). Na Estrada son o 29,1 % do total.