Os afectados pola ocupación de leiras na avenida Cuíña poderán acceder polo Pontiñas

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel souto

No xuízo de onte, visto para sentenza, admitiuse ter afectado máis superficie, debido a «un derrubamento de terra»

29 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O xuízo celebrado onte no Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra relacionado coa demanda dos propietarios de terreos afectados polas obras de urbanización da avenida Xosé Cuíña contra o Concello de Lalín por ocupar unha superficie maior da indicada ao comezo e impedir o acceso ás leiras quedou visto para sentenza. Segundo o informe pericial con data do 2 de agosto de 2023, achegado polo Concello de Lalín no acto do xuízo celebrado onte, e realizado polo arquitecto director da obra considérase que as parcelas teñen acceso para a súa actividade agrícola desde o paseo fluvial do río Pontiñas. O informe pericial achegado pola empresa adxudicataria dos traballos de urbanización tamén considera que os veciños demandantes poderán acceder aos seus predios, para realizar actividades agrícolas desde o mesmo paseo. O Concello de Lalín sostivo pola súa banda que a ocupación de terreos é en todo caso mínima, «que se pode repor o que foi ocupado indebidamente actuando sobre o talude, pero que os accesos das parcelas teñen que facerse ben polo paseo fluvial do río Pontiñas ben polo camiño de Donramiro».

A letrada dos afectados lalinenses insistiu nese sentido que desde a rotonda da avenida Xosé Cuíña non se pode acceder ao camiño de Donramiro «porque sobre as leiras do Agro non existe ningún camiño público, e o Concello de Lalín xa foi condenado por Sentenza 20/09/2021 precisamente por invadir as leiras privadas do Agro coa obra do camiño de Donramiro e o carreiro da parte traseira do Lalín Area».

Os afectados lembremos que interpuxeran en maio pasado unha demanda na que solicitaban que se declarase «contraria a dereito a ocupación e as obras efectuadas polo concello sobre a franxa Este de as parcelas», propiedade dos demandantes e que, segundo entendían, non estaban incluídas polo Proxecto de Ocupación Directa de Bens e Dereitos afectados pola urbanización parcial da avenida.

Nas medidas achegadas polos demandantes aseguraron que o Concello ocupara «sen título algún» un total de 404,14 metros cadrados, cuestión que se recoñeceu no xuízo celebrado onte pero afirmando que foi o resultado de «un derrubamento de terras». Detallou a avogada dos demandantes que nunha das parcelas a superficie era de 44,71 metros cadrados, segundo a acta administrativa, ocupándose 158 metros. Noutra sostivo que a superficie ocupada foi de 200 metros cadrados, cando en orixe se estableceron 62,89. Para rematar no caso do terceiro predio, a acta administrativa contabilizada unha ocupación de 406,26 metros cadrados e a superficie real obxecto de ocupación ascendeu a 560 metros, superficies ocupadas que foron consideradas como «mínimas».