Maximino Míguez: «Fai 50 anos non había festa nin orquestra sen acordeón»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

Sete agrupacións tocan mañá en Lalín e terá unha homenaxe

24 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Fomentar o interese pola música de acordeón foi o obxectivo co que naceu o festival internacional deste instrumento, que acadará a súa segunda edición este domingo, «e no que esperamos un cheo total como o ano pasado en que reunimos a 400 persoas». Son palabras de Maximino Míguez, integrante da agrupación local Acordeóns de Lalín, e un dos impulsores desta iniciativa que se organiza en colaboración co Concello de Lalín e a Xunta de Galicia, e que arrancará ás 18.00 horas no auditorio municipal.

O segundo Festival Internacional Acordeóns de Lalín reunirá a sete agrupacións chegadas desde Galicia e Bulgaria. Amigos Acordeón de Celanova, Suso Ferreiós de Boiro, Juan José Mariño de Poio, a agrupación lucense Terras do Miño, Antonio Barros e Ialma de Mós, e o búlgaro Cristo Cristini Crucianelli xunto coa formación lalinense ofrecerán unhas dúas horas de actuación para o que se puxeron á venda unhas entradas simbólicas de 5 euros que se poden mercar no Bar Pepe e en Casa Currás, e o mesmo día do espectáculo no acceso ao patio de butacas do auditorio. Un elenco de artistas que chegan a Lalín «en boa medida pola amizade que temos con uns e outros. Cristo Cristini, por exemplo, toca nun circo e viaxa seguidamente para estar en Lalín... Pagar todo isto sería imposible», comenta Maximino Míguez.

Un festival de acordeón que busca tamén captar posibles novos músicos que se queiran sumar ao proxecto lalinense. Nunca é tarde para facelo, argumenta categoricamente Maximino Míguez. A proba está di, nel mesmo. «Comecei a tocar o acordeón cando me xubilei, e levo dez anos. Pensei que tiña que ter algunha actividade despois de estar vencellado tantos anos ao mundo empresarial, e creo que acertei coa opción, e espero que outros se sumen á nosa iniciativa». Da presenza da música do acordeón anos atrás, ten moitas lembranzas Míguez. «Fai cincuenta anos non había festa nin orquestra sen un ou dous acordeóns pero logo chegaron os órganos e desapareceron. De feito era un instrumento case obsoleto».

Maximino Míguez non esconde que este domingo lle vai poder a emoción o festival. «Choro por nada»; di, e algún motivo vai ter xa que o Concello de Lalín lle tributará un recoñecemento pola súa labor desinteresada como dinamizador no eido cultural e festivo. Aínda que nado en Touro, «síntome máis lalinense que do meu pobo. Cando cheguei aquí, despois de estar en Vigo, souben que me quedaría aquí para sempre. A xente aquí é marabillosa».