A Deputación aproba a partida para contratar a 53 parados en catro municipios

La Voz

LALÍN

10 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A xunta de goberno da Deputación aprobou onte destinar 2,3 millóns de euros para que unha quincena de concellos contraten a 172 persoas desempregadas, a través da liña 3 dos plans provinciais. Entre eles figuran catro municipios dezáns, un deles o propio Lalín, que cursara en xaneiro a petición da subvención. Entre os catro sumarán a incorporación ao mercado laboral de 53 parados.

Desa cifra a maior parte, 21, corresponden a Lalín coa partida de 337.637 euros. Serán seis peóns de obras públicas, catro peóns forestais, catro peóns albaneis, dous auxiliares administrativos, dous condutores de tractor, un de pa, un auxiliar de información turística e un técnico superior de informática. En Rodeiro, incorporaranse 12 persoas, con 122.000 euros: catro peóns de servizos múltiples, tres peóns de servizos varios, dous técnicos de educación infantil, un educador social, un traballador social e un socorrista.

En Silleda son unha decena de desempregados a contratar, con 165.000 euros: sete peóns de obras públicas, dúas tractoristas e un condutor de camión. E tamén dez en Vila de Cruces, por 146.000 euros: catro peóns forestais, dous albaneis, dous condutores, un operario de retroexcavadora e outro de maquinaria.