Lalín contará desde abril coa ambulancia de SVA de enfermería

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

26 ene 2024 . Actualizado ás 14:49 h.

O Consello da Xunta de onte recolle que Lalín contará desde o próximo mes de abril cunha ambulancia de Soporte Vital Avanzado de enfermería, un servizo que, sinalan, «resolve máis do 96 % das súas asistencias autonomamente, sen necesidade de mobilizar recursos medicalizados». Desta forma a Xunta pon xa data, de forma oficial, á posta en servizo desta nova ambulancia que xa fora anunciada no seu día polo goberno autonómico.

Unha dotación que vai incluída na aprobación do contrato programa do 061 de Galicia que, apuntan desde a Xunta, actualiza os recursos do servizo público de urxencias e urxencias sanitarias para o exercicio deste ano e do 2025.

Destínanse 160.577.625 euros a este contrato programa entre o Sergas e o 061 asinado onte. O contrato relacionado coas ambulancias inclúe 12 de Servizo Vital Avanzado medicalizadas, 5 asistenciais de SVA de enfermería como a que contará Lalín, dous helicópteros medicalizados, 107 ambulancias asistenciais de Soporte Vital Básico e tres ambulancias convencionais.

Á nova ambulancia destinada a Lalín súmase unha ambulancia convencional destinada ao Concello ourensán da Veiga dotada cun desfibrilador externo e un técnico en urxencias sanitarias con formación no seu uso.